Últimas novidades

16/06/2017 - O Concello de Lalín estará presente do 15 ao 17 de xuño na mostra Expocidades, que acolle a localidade portuguesa de Vila Real e na que participa unha ampla representación das cidades que forman parte do Eixo Atlántico. O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, sinalou que “esta exposición é un escenario perfecto para mostrar as posibilidades turísticas do noso municipio dentro dunha oferta centrada no turismo de proximidade dada a relativa pouca distancia que existe entre as cidades galegas e as portuguesas e a variedade de ofertas turísticas para o visitante”.
14/06/2017 A concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, vén de informar de que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio aceptou a solicitude de inclusión do carballo (Quercus rubur) situado a carón da igrexa de Bermés no Catálogo galego de árbores senlleiras. A solicitude para incluír este exemplar dentro do citado catálogo foi efectuada en abril de 2011 por parte da Asociación “Villau Garrido”. O Goberno de Lalín amosou seu apoio a esta proposta xa que coincide coa Asociación en destacar os enormes valores ambientais, culturais, científicos e paisaxísticos do carballo.

12/06/2017 A Oficina Municipal de Información Turística de Lalín permanecerá aberta ao público ata final de ano ao incorporarse ao posto dous novos técnicos titulados en turismo que veñen de ser contratados polo Concello. O edil de Turismo, Francisco Vilariño, visitou as instalacións para establecer contacto co novo persoal e coordinar conxuntamente as diferentes liñas de traballo a través das que a concellería tratará de ofrecerlles o mellor servizo de información turística tanto aos lalinenses como aos visitantes foráneos.

12/06/2017 Ao longo destes catro días foron moitas as persoas que se achegaron ao posto de turismo do Concello de Lalín instalado na sección de Turexpo-Festur para coñecer de primeira man todos os atractivos que poden coñecer e visitar na nosa vila. Unha acción promocional do noso concello que esperamos aporte novos visitantes ao noso concello.