Lalín contará cunha área para autocaravanas no Agro de Lalín de Arriba

Nova autocaravanas

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, presentou o novo proxecto do Concello de Lalín para iniciar a creación dunha área de autocaravanas. A parcela na que se vai construír este servizo sitúase na zona denominada Agro de Lalín de Arriba, nunha propiedade municipal lindante coa rúa da Arribada. En total acondicionaranse 500 metros cadrados dun predio que ten unha superficie de 2.128, o que permitirá a creación de 10 prazas limitadas para o estacionamento destes vehículos de ocio. Para a execución do parque será preciso levar ao seguinte Pleno o cambio de uso dos terreos.

A razón de iniciar a creación dunha área de autocaravanas baséase no interese de atraer a Lalín a este tipo de turismo crecente, tendo en conta que ten moitas vertentes e todas teñen posibilidades de desenvolvemento e potenciación do sector turístico e, polo tanto, da economía local, posto que aumentará a afluencia de visitantes.

A área de servizo para autocaravanas consistirá nun lugar no que estes vehículos poidan estacionar por un prazo máximo de 48 a 72 horas e onde poidan valeirar os seus depósitos de augas grises e negras, así como encher o depósito de auga limpa, nunha paraxe segura e tranquila. O acondicionamento da parcela realizarase a través de persoal municipal, podendo complementarse este coa contratación de parte dos traballos de pavimentación. A área integrarase por completo coa paisaxe a través da colocación de elementos naturais para delimitar as zonas de aparcamento, a instalación de iluminación similar á existente etc.