O Concello pon en valor as múltiples alternativas que ofrece a vila de Lalín coa publicación dun tríptico turístico

nova triptico Lalín aberto a ti

 

Este novo recurso persegue, tal e como sinala Francisco Vilariño, “facerlle saber ao visitante que na vila se pode pasar un día ou unha fin de semana atractiva gozando dun entorno urbano aberto, vivo e dinámico”.
O tríptico fai referencia ás posibilidades do comercio, a hostalería e os produtos de primeira calidade en consonancia cun trato humano cercano e acolledor e un casco urbano accesible e aberto.

Lalín aberto a ti. É o título que encabeza o novo tríptico turístico que vén de publicar o Concello de Lalín para promocionar e poñer en valor ás múltiples alternativas que a vila de Lalín ofrece aos visitantes que se acheguen a coñecer un espazo urbano “agradable, atractivo e cheo de posibilidades”. Esta nova publicación, que se suma ás xa impresas sobre a rede museística, os espazos naturais, o Pazo de Liñares, os Camiños de Santiago e a apicultura, encádrase -tal e como sinalou o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño- dentro da campaña “Lalín un interior único” e persegue, nas súas palabras, “facerlle saber ao visitante que vén de fóra que na vila se pode pasar un día ou unha fin de semana atractiva gozando dun entorno urbano aberto, vivo e dinámico”.

Comezar o día tomando un café nas nosas prazas e terrazas, dar un paseo polas rúas peonís , realizar unha ruta escultórica polo centro, así como coñecer o Museo e o Pontiñas son algunhas das posibilidades que Lalín ofrece ao visitante e que veñen referenciadas nesta nova publicación da que se realizará unha tirada de 10.000 exemplares. Pero as alternativas de lecer non quedan aí, xa que a través deste documento tamén se fai un “chisco” ao comercio, á hostalería e aos produtos de primeira calidade, animando a mercar no comercio local, na praza, no mercado tradicional dos sábados e a saborear a nosa recoñecida gastronomía nos diferentes restaurantes. “Todo isto”, como sinala o edil, “está moi próximo e vén aderezado, ademais, polo trato cercano, profesional, agradable e acolledor que caracteriza aos lalinenses”.

“A filosofía que persegue esta nova publicación” -prosegue Francisco Vilariño- “é a de mesturar o interior único de Lalín cos atractivos que ofrece unha vila aberta e accesible pensada para o desfrute de todas e todos onde a calidade humana é un acicate”. “Queremos que as persoas que nos visiten queden contentas e recorden a súa estancia de xeito agradable para que repitan”. O concelleiro agradeceu o esforzo e o excelente traballo realizado polos técnicos de Turismo, José González Sixto, e Lola García, para sacar adiante este novo material promocional.

O tríptico segue a estrutura e o deseño dos xa publicados dentro da campaña “Lalín, un interior único”, e ten un carácter moi visual, onde prima a fotografía. Tamén integra un mapa onde reasaltan os principais recursos turísticos do municipio e outros puntos de interese para o turista. Así mesmo, trátase dun recurso moi manexable debido ao seu tamaño. O documento será distribuído de maneira ampla por diferentes edificios municipais. Tamén pode ser descargado de internet con facilidade e de modo totalmente gratuíto mediante o escaneado do seu código QR. Ademais, estará á disposición de todos os establecementos de Lalín que desexen contar con el ou expoñelo. Para facerse cunha serie, os interesados non teñen máis que solicitalos no concello.