O concello de Lalín estrea novo espazo web de turismo

presentacion paxina web

27/05/2017

O Concello de Lalín presentou esta mañá a nova páxina web municipal de turismo á que se pode acceder a través do enlace turismo.lalin.gal. Na comparecencia estiveron presentes o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, o edil de Novas Tecnoloxías, Tomás Vilariño e o técnico de Turismo, José González Sixto .

O departamento de Novas Tecnoloxías foi o encargado de deseñar o portal, que foi creado enteiramente con medios municipais, alcanzando así un aforro estimado duns 10.000 euros, a cantidade que custaría no mercado. Tomás Vilariño explicou que se trata dunha web moi visual e interactiva, na que existen seccións como “que ver, que facer, como chegar, multimedia, Camiño de Santiago, ou servizos de interese”. Non obstante, insistiu en que se trata dun proxecto vivo e participativo que se irá actualizando e dotando de contido case diariamente.

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, comezou agradecendo o magnífico traballo dos empregados municipais e en especial do concelleiro de Novas Tecnoloxías por desenvolver este portal. Fixo fincapé en que se trata “dunha ferramenta moi útil, innovadora, moderna, dinámica, pero ao mesmo tempo sinxela e manexable, coa que se dá a coñecer e se pon en valor o noso municipio e tamén se convida a visitar Lalín”. O responsable de Turismo sinalou que este proxecto parte do Plan estratéxico de Turismo presentado o ano pasado e que evidenciaba que unha das carencias neste ámbito era precisamente a falta dunha páxina web. Finalmente dixo que se trataba “posiblemente dunha das páxinas de Turismo máis destacadas dos concellos da nosa mesma categoría” e lembrou que “Lalín é un concello non estacional, que ten recursos de sobra para ser visitado os 12 meses do ano”.