A concellería de Turismo promociona a vila no "Coñecer Galicia" da Radio Galega

Lalin aberto a ti

27/05/2017

A nova publicación "Lalín, aberto a tí" editada pola concellería de Turismo, foi un dos contidos do programa "Coñecer Galicia" da Radio Galega deste sábado 27 de maio.

Este espazo radiofónico conducido por Isabel Freire é un programa de viaxes, áxil e entretido que presenta diferentes alternativas aos viaxeiros.  Desta volta adicou unha parte do seu tempo a debullar a proposta "Lalín, aberto a tí", unha publicación onde sobre a idea do espazo urbano de Lalín se lle ofrece ao/s visitante/s diferentes alternativas concentradas nun espazo urbano agradable e atractivo para vivir unha xornada diferente.

Desde tomar un café nas terrazas do centro á chegada a Lalín, como un paseo polas rúas peonís, aproveitando para visitar os postos do Mercado Tradicional e da Praza de Abastos e desfrutar dos produtos locais, mercar no pequeno comercio cun trato agradable e persoalizado, a nosa gastronomía, os espazos abertos para as crianzas, un conxunto de posibilidades ao alcance da man para gozar de momentos únicos.