Fermosa xornada lúdica a vivida na segunda edición do Re-Descubre Mouriscade

redescubre Mouriscade

5/06/2017

Este pasado sábado celebrouse a segunda edición do Re-descubre Mouriscade no entorno da área recreativa do mesmo nome, organizado polas concellerías de Turismo e Medio Ambiente. Unha xornada lúdica con ampla participación tanto de público infantil como de persoas adultas. A climatoloxía acompañou sobre todo na sesión de tarde para que todos os alí presentes gozaran das diversas actividades organizadas con motivo da celebración adiantada do Día Mundial do Medio Ambiente. Obradoiros de xoguetes, de plantas aromáticas, danzas, un roteiro interpretativo, diferentes xogos en diversos puntos da contorna,  contacontos, tiro de corda, carreiras de sacos e moitas outras actividades completaron unha magnifica xornada que comezou pola mañá  -onde numerosos asistentes quedaron a xantar de campo- e que se prolongou ata a caída da tarde.

A área recreativa de Mouriscade é o lugar idóneo para desfrutar dunha xornada en contacto coa natureza e que se atopa en perfecto estado de e conservación para que todo aquel que ata alí se achega goze dun espazo agradable e tranquilo, para xogar, comer ou pasear  á beira do rio Asneiro. Unha aposta decidida do concello pola súa posta en valor como un recurso ideal de lecer tanto para a veciñanza como para os visitantes procedentes doutros lugares da xeografía galega.