O Concello de Lalín organiza un Seminario de apicultura ecolóxica, turismo e patrimonio apícola

Foto presentación seminario

 

12/07/2017  O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, vén de anunciar a celebración do Seminario de apicultura ecolóxica, turismo e patrimonio apícola en Zobra, Lalín. Esta iniciativa celebrarase en dúas fins de semana consecutivas: a do 29 e 30 de xullo e a do 5 e 6 de agosto. Tal e como explicou Vilariño, o seminario ten como obxectivo potenciar o noso municipio como destino turístico poñendo en valor o seu patrimonio e riqueza meleira.

O concelleiro de Turismo salienta que o mel e todo o vinculado ao seu patrimonio e produción, ademais dunha mostra da enorme calidade dos nosos produtos, constitúe, polo tanto, “un valor que debemos aproveitar como carta de presentación alén das nosas fronteiras e que sitúa a Lalín no mapa”. A celebración deste seminario supón tamén “o segundo paso” na aposta polo turismo apícola tras a publicación da guía sobre produción historia e patrimonio relacionado coa cultura do mel, que se editou a principios de ano e que leva meses distribuíndose. Forma parte tamén da estratexia da para diversificar o enorme potencial turístico que ten o Concello, que conta con numerosos atractivos específicos para propiciar a chegada de visitantes durante os 12 meses do ano.

O seminario organízase en colaboración coas  empresas meleiras asentadas en Zobra e coa Sociedade Agraria de Transformación “Abella Lupa”. Dende esta entidade, Martiño Nercellas explicou que a iniciativa non terá o formato habitual dos cursos de apicultura, senón que tamén incluirá un enfoque novidoso: “Introdúcese a oportunidade extraordinaria que supón o fomento do turismo e a posta en valor do patrimonio apícola”. Neste sentido, salientou que o seminario se celebrará nun “escenario ideal, o entorno da Serra do Candán e, nomeadamente a parroquia de Zobra”, unha das aldeas meleiras por excelencia de toda Galicia debido á súa tradición e patrimonio (con preto dun cento de alvarizas).

O seminario contará con tres bloques diferenciados: o primeiro estará referido á formación e aprendizaxe no manexo das abellas, Apis mellifera L., e das colmeas en produción ecolóxica, ademais dos requisitos legais para a certificación da devandita produción. O segundo estará relacionado co achegamento, identificación e orixes do patrimonio apícola dos montes de Zobra e da Serra do Candán, ademais de no deseño de propostas de promoción turística vinculadas ás explotacións apícolas, ao patrimonio e á paisaxe na que se asentan. O terceiro e último, de marcado carácter práctico, versará sobre as técnicas de manexo de colmeas e apiarios e o deseño de centros de extracción e envasado con certificación ecolóxica. Tamén tratará cuestións como a comunicación e deseño de itinerarios turísticos apícolas. As inscricións pode realizarse presentando a folla de inscrición a través do enderezo de correo electrónico infoturismo@lalin.gal, na Sede Electrónica, no Rexistro Municipal  ou tamén chamando á oficina municipal de turismo 666 43 04 58 ou ao Concello de Lalín: 986 78 70 60

O seminario terá lugar no centro social de Zobra en horario de 10.30 a 13.30 e de 15.30 a 18.30 todos os días da súa celebración.

Cartel e folla de inscrición