Lalín acolle a rodaxe da curta “Un ollo de vidro” que servirá para poñer en valor os recursos turísticos do municipio a través da pantalla.

foto rodaxe ollo de vidro

 

01/08/2017 Onte pola mañá comezaron os preparativos no Museo etnográfico Casa do Patrón de Doade para a rodaxe da curtametraxe “Un ollo de vidro” dirixida pola viguesa de raíces lalinenses, Noela Gutiérrez. O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, desprazouse ao lugar no que hoxe se realizará parte da gravación para amosar persoalmente o seu apoio e o do Concello de Lalín á realización deste ambicioso proxecto audiovisual. “Dende o departamento de Turismo” -sinalou o edil- “adquirimos o compromiso de ofrecer as máximas facilidades para que Lalín sexa o escenario de rodaxes como esta, pois converter o municipio en plató de cine é unha estratexia óptima para poñer en valor e dar a coñecer os nosos recursos entre o público a través da pequena pantalla”.

O filme, inspirado na obra de Castelao “Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete”, será gravado integramente en Lalín durante os próximos días contando coa participación dun equipo dunha ducia de persoas. Francisco Vilariño fixo fincapé en que “Lalín xa dou o salto á pantalla a través de proxectos coma este, o do spot de Samsung ou o da película “Feedback”, que se gravará no consistorio”. Neste sentido lembrou que “a través do cine e o audiovisual preténdese dar a coñecer todo o noso potencial turístico de xeito non convencional, atraendo a visitantes durante todo o ano que chegan coa intención de coñecer persoalmente os escenarios das rodaxes”.

Vilariño considera que “Un ollo de vidro é un proxecto moi atractivo que nos ilusiona moito, tanto pola temática como pola proxección que vai ter”, feito polo que reiterou o apoio por parte do Concello.