Finaliza o seminario de apicultura ecolóxica e apiturismo dando mostra do potencial e interese que desperta en Lalín o mundo apícola

clausura seminario apicultura

 

7/08/2017 Onte pola tarde finalizou o  seminario de apicultura ecolóxica, turismo e patrimonio apícola que tivo lugar en Zobra durante esta e a pasada fin de semana. O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño participou no acto de clausura e entrega dos correspondentes diplomas acreditativos aos asistentes. O edil volveu remarcar o éxito total desta actividade, tanto a nivel de participación como de contidos, dando boa mostra do atractivo, da proxección e da repercusión dunha proposta que, sen lugar a dúbidas, vai contribuír de maneira decisiva a acadarmos ese obxectivo que nos marcabamos cando decidimos poñer en marcha o seminario: potenciar o noso municipio como destino turístico poñendo en valor o seu patrimonio apícola e riqueza meleira”.

O seminario estivo impulsado pola concellería de Turismo coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra dentro do Plan Concellos 2017 así como coas 5 empresas meleiras asentadas en Lalín e a Sociedade Agraria de Transformación “Abella Lupa” á que pertence Martiño Nercellas, un dos encargados de impartir un cursiño que misturou a apicultura con factores como o fomento do turismo e a posta en valor do patrimonio apícola.

Francisco Vilariño fixo fincapé no peche do seminario en que o mel e todo ao vinculado ao seu patrimonio son unha mostra da enorme calidade dos nosos produtos”, e, polo tanto, “un valor que debemos aproveitar como carta de presentación alén das nosas fronteiras e que sitúa a Lalín no mapa”.

O seminario contou con tres bloques diferenciados: o primeiro referido á formación e aprendizaxe no manexo das abellas, Apis mellifera L., e das colmeas en produción ecolóxica, ademais dos requisitos legais para a certificación da devandita produción. O segundo relacionado co achegamento, identificación e orixes do patrimonio apícola dos montes de Zobra e da Serra do Candán, ademais de no deseño de propostas de promoción turística vinculadas ás explotacións apícolas, ao patrimonio e á paisaxe na que se asentan. O terceiro e último, de marcado carácter práctico, versou sobre as técnicas de manexo de colmeas e apiarios e o deseño de centros de extracción e envasado con certificación ecolóxica. Tamén se trataron cuestións como a comunicación e deseño de itinerarios turísticos apícolas.