Doade acolle o día 19 a XVIII edición da Malla Tradicional

Presentación Malla (Faro de Vigo)

 

7/08/2017 Onte presentouse no concello de Lalín a XVIII edición da Festa da malla tradicional de Doade, que acollerá esta parroquia no lugar de Codeseda o día 19 de agosto. Trátase dunha das recreacións desta actividade, consistente en separar o gran do trigo da palla, de máis prestixio de cantas se celebran en Galicia. Disto dan mostras os centos de persoas que cada ano se congregan en torno a un evento que rememora e fai que non se esqueza unha das tarefas que antano tiña maior importancia no calendario agrario galego.

Na presentación do festexo participaron o xerente do Museo etnográfico Casa do Patrón, Manuel Blanco, o fundador de Maxideza e colaborador co evento, Maximino Míguez, e o concelleiro de Turismo Francisco Vilariño, que destacou a importancia de apoiar este tipo de celebracións, cualificando a de Doade como “a malla máis completa de Galicia”. O edil tamén fixo referencia a que este tipo de festexos “contribúen a pór en valor o patrimonio etnográfico e cultural galego e permiten que actividades do pasado como a malla se vaian transmitindo entre as xeracións e non caian no esquecemento”.

A XVIII Festa da malla tradicional comezará ás 11.00 horas coa apertura da mostra de artesanía popular. Ás 11.30 horas terá lugar o carrexo de mollos e máquinas, para dar paso ás 12.00 horas á actividade da malla. Ás 14.00 será o xantar popular e a partir das 16.30 celebrarase a 3ª Ruada da malla coa participación de numerosos grupos de música tradicional.