Uxía e a Banda Xuvenil de Lalín ofrecerán o día 1 en Liñares un espectáculo que promete ser inesquecíbel

Presentacion Uxia e banda xuvenil

 

Onte presentouse no concello o espectáculo que vai ofrecer a cantante Uxía xunto coa Banda Xuvenil de Lalín, no Pazo de Liñares, o día 1 de setembro, ás 20.00 horas. Trátase dunha proposta artística que promete ser única e inesquecíbel e que nace coa idea de conxugar a voz dunha cantante tan recoñecida e de tanto nivel como Uxía Senlle, co talento local da Banda Xuvenil, nun espazo bucólico como é o patio interior do Pazo de Liñares.

Na comparecencia participaron o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, o actor e ideólogo desta iniciativa, Carlos Blanco, o director da Escola da Banda de Lalín, Alejandro Piñeiro e a cantante Uxía Senlle.

Francisco Vilariño enmarcou este espectáculo dentro das iniciativas do Concello para pór en valor e potenciar “un colector turístico tan importante en Lalín como é o Pazo de liñares ao que temos que seguir dotando de contidos”. Para o edil, esta casa señorial é un espazo “idílico e perfecto” para acoller o “espectáculo de luxo que nos van ofrecer unha cantante de tanta categoría como Uxía e unha entidade tan valorada en Lalín como a Banda Xuvenil”. O titular de Turismo convidou a todas e a todos os lalinenses a acudir ao espectáculo e mostrou o seu agradecemento á Deputación de Pontevedra e aos artistas “por permitir que Lalín poida contar cunha proposta de tanto nivel”.

Pola súa parte, o deputado provincial, Xosé Leal, puxo de relevo o atractivo deste espectáculo “por ser unha simbiose perfecta entre dou aspectos culturais tan relevantes como son a cantante Uxía e unha agrupación local como a Banda Xuvenil”. Na mesma liña se pronunciou o actor Carlos Blanco, unha das persoas que concebiu esta idea. “Buscamos unha proposta na que o talento local se reforce con figuras de diferentes ámbitos nunha representación ante un espazo de especial fermosura, dando como resultado unha auténtica delicatessen”, indicou.

Alejandro Piñeiro cualificou a proposta que hoxe se presentou como “un espectáculo único e máxico, que contará co aliciente de mesturar unha artista tan admirable como Uxía coa música e a emoción dos rapaces e rapazas da banda”. Por último, Uxía Senlle dixo sentirse “orgullosa de poder formar parte dunha iniciativa na que se busca poñer en valor os talentos locais, que sempre hai que mimar” e explicou que xa está a traballar xunto coa Banda Xuvenil “nun repertorio que contará cos temas máis emblemáticos” da súa traxectoria, así como “con outros máis presentes, para poder ofrecer un solpor de música inesquecible en Liñares”.