O Pazo de Liñares estrea nova sala de exposicións coa mostra "As nosas senlleiras"

Cartel exposicion as nosas senlleiras

 

11/9/2017 Un carballo da Fraga de Catasós protagoniza o cartel da exposición ‘As nosas senlleiras’, unha mostra itinerante coa que a Deputación de Pontevedra trata de poñer en valor o patrimonio natural da provincia. A mostra comezará o vindeiro 15 de setembro o seu percorrido en Lalín e, posteriormente, poderá verse en Moraña, Fornelos de Montes, A Lama e Vilaboa. Trátase, ademais, dunha iniciativa que se encadra no programa de actividades do Ano do Patrimonio e que se realiza en colaboración coa Estación Fitopatolóxica de Areeiro. “As Administracións debemos potenciar a nosa riqueza natural, que é un verdadeiro tesouro do noso país, porque sabemos por experiencia que para valorar e protexer os nosos bens, primeiro debemos coñecelos” sinala o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, ao respecto desta mostra.

A mostra recolle 35 árbores senlleiras catalogadas na provincia de Pontevedra e está composta por paneis ilustrativos coa imaxe actual e unha pequena ficha de cada unha delas. A maior parte dos paneis contarán ademais cunha planta de pequeno tamaño para ilustrar como é a árbore ao natural. Neste sentido, a deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Eva Vilaverde, asegura que “amosar de xeito visual e didáctico este tipo de patrimonio, que son auténticas reliquias botánicas, parécenos un acerto, porque nos permite facernos un mapa da súa localización e coñecer as súas singularidades e características extraordinarias”. Hai que lembrar que a Estación Fitopatolóxica de Areeiro é un centro de investigación en materia forestal e agraria dependente da Deputación  e que, nesta ocasión, participou na coordinación técnica da exposición ao tempo que facilita o material botánico, isto é, as pequenas árbores que acompañan aos paneis.

A exposición inclúe 4 referencias da comarca de Deza e Tabeirós: a Fraga de Catasós, en Lalín; a Sobreira de Siador, en Silleda; o Abeto branco de Carballal e a Camelia reticulada do Pazo de Oca, ambas en A Estrada. A mostra inclúe unha selección de 35 árbores que aparecen referenciadas de xeito individual, pero tamén inclúe un mapa coas 48 árbores senlleiras e 9 formacións de 41 especies botánicas coas que a provincia de Pontevedra conta na actualidade. Teñen a consideración de senlleiras as árbores ou as formacións que, polas súas características extraordinarias ou destacables -tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza-, son consideradas reliquias botánicas con valor natural, científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental e merecedoras de especial protección. Estas árbores singulares considéranse protexidas para todos os efectos, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, saúde ou aparencia. Posúen, ademais, unha protección legal que tamén afecta ao seu ámbito inmediato.

Estrea dunha nova sala de exposicións

Coa estrea de “As nosas senlleiras” en Lalín, tamén se estreará a Sala de Exposicións do Pazo de Liñares; un novo espazo con máis de 25 metros lineais para albergar mostras e exposicións temporais coa que o Goberno Local continúa dotando de contido a casa solarega. O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, sinalou que desde o seu departamento “se quere poñer de manifesto a importancia e a relevancia que Liñares ten como colector multicultural e como un dos puntos de atracción turística cun maior potencial no noso concello”. En palabras do edil, “dentro da aposta do Goberno por buscar o máximo aproveitamento para Lalín e para a comarca do Pazo de Liñares, consideramos que a posta en funcionamento de salas como a que se vai inaugurar o día 15 son un paso máis de cara a consecución do noso último obxectivo, que non é outro que facer de Liñares un lugar de referencia ineludible no panorama turístico e cultural galego”. Unha idea na que tamén insistiu Xosé Leal asegurando que “a filosofía da Deputación está precisamente en colaborar cos concellos, complementando as súas programacións e reforzando os seus espazos singulares, ofrecéndolle iniciativas culturais de calidade e orientadas ao maior espectro de público posible”

Francisco Vilariño sostén que a apertura da Sala de Exposicións “reforzará, aínda máis a oferta e o atractivo turístico do Pazo de Liñares, que xa acolle na actualidade o Museo Galego da Marioneta,  o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico e a Sala de Joaquín Loriga”. “Trátase, pois”, recalca o titular de Turismo, “de seguir aproveitando as sinerxías que xera o Pazo para incrementar a atracción de visitantes ao noso pobo, o que, porén, se traducirá nun impacto económico positivo para o noso municipio”. Para o concelleiro “Liñares é unha xoia que imos converter, si ou si, nun gran atractivo turístico e dende o Goberno estamos certos de que a Sala de Exposicións impulsará e reforzará súa oferta o que, ao mesmo tempo, se traducirá nun salto cualitativo e cuantitativo en canto a atracción de visitantes a Lalín”.

Para rematar, Francisco Vilariño agradeceu o fantástico traballo dos técnicos municipais de turismo, que posibilitou a pronta habilitación desta estancia expositiva e tamén deu as grazas ao deputado de Turismo, Xosé Leal, “por atender unha vez máis as demandas do Concello de Lalín e permitir que unha mostra de tanto nivel e atractivo como “As nosas senlleiras” se abra ao público por primeira vez en Lalín”.