O Concello publicará un libro de receitas conmemorativo do 50º aniversario da Feira do Cocido

Reunión con hostaleiros

 

12/9/2017 O Concello de Lalín, dentro dos traballos que vén desenvolvendo dende hai meses no marco da organización da 50ª Feira do Cocido, sacará á luz un libro de receitas baseadas no prato insignia da gastronomía galega, que servirá para conmemorar a 50ª edición do festexo. Así o vén de anunciar o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, que explicou que se trata dunha das múltiples iniciativas novidosas nas que o Goberno está a traballar dentro das actividades que marcarán o Mes e a Feira do Cocido, que no 2018 alcanza o medio século de historia.

O receitario está sendo confeccionado contando coa colaboración da hostalería de Lalín e da Escola de Turismo e Hostalería Belarmino Fernández de Sober. En total son 13 os restauradores lalinenses que realizarán as súas aportacións para darlle contido a unha publicación que dirixen os profesores da citada escola de hostalería, Diego López e Santiago Martínez. A todos eles Francisco Vilariño lles agradece o seu “magnifico e desinteresado traballo, que fará posible impulsar unha publicación atractiva e diferente, que perdurará no tempo como homenaxe á 50ª edición da Feira”.

A publicación acollerá medio cento de propostas gastronómicas co Cocido de Lalín como base principal, estruturándose baixo a filosofía “50 feiras, 50 receitas”. Como sinalou Vilariño, o volume nace coa idea de obter unha distribución masiva, polo que se realizará unha tirada ampla, que alcanzará os 25.000 exemplares impresos. O receitario verá a luz coincidindo coas actividades do Mes do Cocido e para o seu lanzamento o Concello preparará unha presentación oficial na que participarán os hostaleiros que colaboraron na publicación, con quen o concelleiro de Turismo xa mantivo numerosos encontros para ir perfilando os diferentes detalles así como os contidos que formarán parte do libro.

Francisco Vilariño apuntou que esta publicación terá un aspecto moi coidado en canto a maquetación e deseño. “Será un tomo de moita calidade, tanto no aspecto físico, como gráfico e, por suposto, no que a contidos se refire”, engade o concelleiro. O edil asegurou que esta iniciativa “se pon en marcha coa máxima ilusión e coa intención de que sirva para seguir impulsando o noso prato máis senlleiro e a nosa festa máis sobranceira”.

Ao fío disto, o concelleiro lembrou que o Goberno local leva tempo traballando na organización da L Feira do Cocido de Lalín, “conscientes da gran responsabilidade e esforzo que implica a celebración dun evento que o vindeiro ano cumpre o seu medio século de vida”. O concelleiro de Turismo afirma que “o Goberno municipal, como xa demostrou en anteriores edicións, saberá estar á altura das circunstancias e poñer en marcha un programa de actividades que estamos convencidos de que resultará inesquecible, tal e como esixe esta conmemoración tan sinalada”. Por iso, “o Goberno municipal”, prosegue o edil de Turismo, “non vai escatimar esforzos para facer desta edición número 50 da Feira do Cocido unha edición histórica e da que o pobo de Lalín, sen lugar a dúbidas, se vai sentir orgulloso”.