Un documental e unha exposición fotográfica formarán parte das iniciativas do concello para a 50ª Feira do Cocido

Bus promocional da Feira do Cocido

 

14/9/2017 O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, vén de anunciar outras dúas  iniciativas novidosas nas que o Goberno está a traballar dentro das actividades que marcarán o Mes e a Feira do Cocido, que no 2018 alcanza o medio século de historia. Por unha banda explicou que o Concello realizará unha curtametraxe documental duns 10 minutos de duración e de gran calidade creativa, técnica e gráfica, na que se levará a cabo un repaso pola historia da Feira, co obxectivo de difundila, dala a coñecer e explicar a súa tradición así como o seu crecemento e o paso do tempo na vila de Lalín. O Concello conta para o desenvolvemento deste proxecto audiovisual cun orzamento de 9.500 euros. A peza será utilizada como reclamo para atraer visitantes a Lalín, polo que vai ter unha difusión masiva por diferentes medios, especialmente en redes sociais, coa finalidade de obter o máximo alcance. Así mesmo, a curtametraxe pasará a formar parte do material turístico promocional do Concello de Lalín.

Por outra banda, o Concello organizará unha  exposición fotográfica itinerante sobre os “50 anos de historia da Feira do Cocido de Lalín”, un evento que se remonta a 1968, data na que os alcaldes dos seis concellos da Comarca de Deza (Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro, Agolada e Dozón) acordaron reunirse para artellar unha estratexia de difusión e comercialización dos produtos típicos relacionados coa gastronomía. Tras unha primeira experiencia baixo o lema “Unidos polo mesmo afán” e, seguindo a tradición dun grupo de lalinenses que cada ano se xuntaba para comer cocido, foi o Concello de Lalín quen asumiu a iniciativa para pór en práctica as ideas xurdidas naquel encontro, mediante a creación da Feira do Cocido. A mostra estará composta por instantáneas de arquivo sobre a Feira e ten o obxectivo de divulgar a festa gastronómica máis importante de Galicia, co obxectivo de atraer o maior número de visitantes posible durante a Feira e a época do Cocido. Porén, será estreada con suficiente antelación ao evento e promocionada en distintos espazos, vilas e cidades na procura de favorecer a afluencia de turistas ao noso municipio. Para o desenvolvemento desta iniciativa o Concello cota cun orzamento de 10.000 euros.

Ambas as dúas propostas promocionais da Feira do Cocido serán presentadas de maneira oficial coincidindo coas actividades do Mes do Cocido. Francisco Vilariño -quen se encarga de coordinar a organización da Feira- sinalou que o Goberno leva tempo traballando en diferentes ideas e propostas coas que dotar de contido e avanzar na planificación do Mes e da Feira do Cocido, que terá o seu día grande o 4 de febreiro de 2018. O edil remarcou que “o Goberno local saberá estar á altura das circunstancias e será capaz de poñer en marcha un programa de actividades amplo e acorde ás esixencias da conmemoración dunha data tan sinalada”.