Presentada a nova cápsula audiovisual de promoción turística "Lalín, un lenzo de sabor"

Presentacion capsula audiovisual gastronomia

 

15/9/2017 Onte pola tarde presentouse a segunda cápsula audiovisual de turismo do Concello de Lalín coas que se está a promocionar o enorme potencial turístico de Lalín a través de diferentes plataformas, principalmente a través das redes sociais. Tras o lanzamento de “Lalín, un lenzo natural” veu a luz unha nova peza videográfica que neste caso se centra no potencial gastronómico do noso concello. 

A secuencia, chea de ritmo e de imaxes “que fan salibar”, foi bautizada co nome de “Lalín, un lenzo de sabor” e realiza un rápido, vistoso e suxerente percorrido pola nosa riqueza gastronómica, comezando polos produtos de horta e rematando nunha mesa diante dun bo cocido de Lalín. Pero o vídeo non se esquece doutros dos nosos produtos estrela como son o pan de Lalín, o mel, o queixo ou a carne e que fan que quen o vexa lle entren ganas de catar cada un deles, sempre aderezados por unha cociña local de primeiro nivel que conxuga á perfección tradición e vangarda.

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, explicou que “se trata da segunda entrega dun total de 5 cápsulas que buscan chegar á xente de maneira diferente e doada de consumir, pensadas para alcanzar o maior impacto mediante o uso de novas tecnoloxías”. O concelleiro salientou que poucos concellos poden presumir como o pode facer Lalín, de ter unha gastronomía que xere impulso turístico e, polo tanto, crecemento económico, feito polo que con este proxecto “se quere pór en valor a calidade dos múltiples produtos agroalimentarios e da nosa cociña, dentro das estratexias para a promoción turística do Concello de Lalín”. “O turismo en Lalín” -sinala Francisco Vilariño- “ten que ser unha das patas da economía local e con estes vídeos queremos contribuír a lograr este obxectivo”, comenta o concelleiro.

Este novo material audiovisual da concellería de Turismo foi realizado pola produtora Arthur Gordon, a quen pertencen Emilio Fernández e Paula Señaríns, que acompañaron o concelleiro de Turismo na presentación desta nova cápsula.

 

VIDEO "LALÍN, UN LENZO DE SABOR"

Video Lalín un lenzo natural