A nova sala de exposicións do Pazo de Liñares inaugurouse coa mostra "As nosas senlleiras"

inauguracion as nosas senlleiras

 

16/9/2017 A mostra itinerante da Deputación de Pontevedra, “As nosas senlleiras” comezou o seu percorrido en Lalín. E con ela quedou inaugurada a nova sala de exposicións do Pazo de Liñares,  un novo espazo con máis de 25 metros lineais para albergar mostras e exposicións temporais coa que o Goberno  Local continúa dotando de contido a casa solarega. Na apertura da mostra participaron esta tarde o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, a concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, o Deputado de Cultura, Xosé Leal, o xefe da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Pedro Mansilla e as comisarias da exposición Carmen Salinero e Begoña Fernández.

“As nosas senlleiras” é unha iniciativa coa que a Deputación de Pontevedra trata de poñer en valor o patrimonio natural da provincia. A mostra recolle 35 árbores senlleiras catalogadas na provincia de Pontevedra e está composta por paneis ilustrativos coa imaxe actual e unha pequena ficha de cada unha delas. A maior parte dos paneis contan, ademais, cunha planta de pequeno tamaño para ilustrar como é a árbore ao natural. Así mesmo, os cadros foron adaptados para captar a atención dos nenos e nenas que nos próximos días visitarán a exposición chegados de diferentes colexios, pois, fomentar o aprezo pola natureza e as árbores é un dos obxectivos desta iniciativa da Deputación. Por outra banda, destacar que as pezas contan cun código QR que redirixe á páxina web na que se atopa a explicación da mostra así como a xeolocalización de cada exemplar. A Deputación agasallou ao Concello, co gallo da exposición, cunha nogueira para ser plantada.

Segundo Xosé Leal a exposición pretende “amosar de xeito visual e didáctico este tipo de patrimonio, que son auténticas reliquias botánicas, parécenos un acerto, porque nos permite facernos un mapa da súa localización e coñecer as súas singularidades e características extraordinarias”. Para o deputado que “As nosas senlleiras” inicie o seu periplo en Lalín e nun espazo coma Liñares fai que “a súa estrea sexa por todo o alto”. A exposición inclúe 4 referencias da comarca de Deza e Tabeirós: a Fraga de Catasós, en Lalín; a Sobreira de Siador, en Silleda; o Abeto branco de Carballal e a Camelia reticulada do Pazo de Oca, ambas en A Estrada.

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, sinalou que “hoxe participamos en dous estreos, por un lado no de “As nosas senlleiras” e por outro na da nova sala de exposicións do Pazo de Liñares coa que se quere poñer de manifesto a importancia e a relevancia que Liñares ten como colector multicultural e como un dos puntos de atracción turística cun maior potencial no noso concello”. En palabras do edil, “dentro da aposta do Goberno por buscar o máximo aproveitamento para Lalín e para a comarca do Pazo de Liñares, consideramos que a posta en funcionamento de sala é un paso máis de cara o obxectivo de que Liñares sexa un lugar de referencia ineludible no panorama turístico e cultural galego”. Esta estancia súmase a outras xa postas en marcha polo Goberno local no Pazo como a Sala de Loriga e incrementa o seu potencial do mesmo xeito que o fixo, por exemplo, a construción dun aparcadoiro integrado no entorno.