O Concello inicia a construción da nova área de servizo urbana para autocaravanas

comezo obras area autocaravanas

 

19/9/2017 O Concello de Lalín comezou a desenvolver onte os traballos de creación dunha nova área de servizo e estacionamento para autocaravanas. O concelleiro de Turismo e Obras, Francisco Vilariño, supervisou o comezo dunhas actuacións que permitirán albergar ata 10 autocaravanas e atraer así un tipo de turismo en constante crecemento. A área instálase nunha parcela de propiedade municipal que se atopa no Agro de Lalín de Arriba, entre a rúa Garda Civil e a ronda Leste. Este lugar foi elixido polo Concello xa que cumpre o propósito principal de estar situado en pleno casco urbano. En total acondicionaranse 1.000 metros cadrados onde estes vehículos poderán estacionar por prazos máximos de 48 a 72 horas.

As obras teñen un orzamento duns 50.000 euros e están sendo desenvolvidas pola empresa Construcciones Rafer S.L. Inclúen a humanización do espazo mediante a corrección do desnivel existente no terreo e posterior colocación dun pavimento adoquinado de tipo “celosía de céspede”, que se adaptará as necesidades do aparcadoiro.  Así mesmo, crearase un punto de acopio de auga e unha conexión á rede de sumidoiros para o baleirado de residuos líquidos. Ademais, tamén se instalarán novos puntos de iluminación pública para outorgar das mellores prestacións esta nova área pública. Está previsto que as obras conclúan nun prazo de menos dun mes.

Francisco Vilariño fixo fincapé en que esta iniciativa ten o obxectivo de “diversificar a oferta turística do noso concello”. O concelleiro sinala que o “Goberno leva tempo traballando en diversas frontes do ámbito turístico que se considera que son innovadoras por adaptarse ás dinámicas do movemento turístico actual”. Nesta liña, o turismo de autocaravana está tendo un auxe moi importante con crecemento constante de matriculacións nos últimos anos. Trátase, ademais, “dun tipo de turismo de carácter familiar e moi respectuoso, que xera movemento económico por onde pasa”, sinala o titular de turismo. Outro dos beneficios do parque de autocaravanas radica en que o uso deste tipo de vehículos de ocio non ten carácter estacional, senón que é habitual durante os 12 meses do ano. “É, polo tanto, un turismo que enriquece o tecido económico, polo que esta concellería aposta moi decididamente debido á rendabilidade que vai traer”, sinala.

Entre outros beneficios este espazo de estacionamento permitirá que o concello de Lalín se sitúe a nivel europeo nas guías de turismo que publica o sector das autocaravanas, “de xeito que unha vez máis axudamos a situar Lalín no mundo”. Para Francisco Vilariño este proxecto carrexará un retorno económico moi importante para Lalín e suporá un salto cuantitativo no número de visitantes que se acheguen ao noso municipio. Así mesmo a área de autocaravanas complementarase con outros proxectos do Goberno no ámbito turístico como é a futura construción dun albergue público urbano.

Pola súa banda, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, felicitou ao concelleiro de Turismo por esta iniciativa innovadora, “que incrementará as xa múltiples posibilidades turísticas do noso municipio e contribuirá á dinamización económica da vila”.