Lalín acollerá durante a ponte de outubro a asemblea anual da Asociación Galega de Autocaravanas.

rolda prensa presentacion congreso autocaravanas

 

22/9/2017 Na tarde de onte o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, e o presidente da Asociación Galega de Autocaravanas (AGA), Manuel Fernández Arruti, anunciaron que Lalín vai acoller durante a ponte de outubro a asemblea anual da asociación, que congregará na vila a máis de 100 caravanas, coincidindo coa inauguración da área de estacionamento deste tipo de vehículos de ocio que está construíndo o Concello no Agro de Lalín de Arriba. A asemblea terá lugar o sábado, día 14, máis dende o xoves empezarán a chegar os autocaravanistas. Segundo Francisco Vilariño “a celebración deste evento suporá a estrea perfecta da área urbana de autocaravanas de Lalín”. Esta infraestrutura permite continuar diversificando a oferta turística do concello e atraer un maior número de visitantes ao municipio o que, por tanto, provocará movemento económico. Esta nova área situará a Lalín no mapa do sector das autocaravanas e atraerá un tipo de turismo sostible, familiar e que realiza abundante consumo alí onde estaciona.

O concello dotará de contido o encontro de autocaravanista. Deste xeito, entre outras actividades, organizará visitas guiadas ao Pazo de Liñares, a Mouriscade, ás Fragas de Catasós, ao concello ou a Castrodeza, entre outros lugares de interese. A inauguración propiamente da área de estacionamento será o sábado antes do inicio da asemblea e márcase como o punto de inicio “perfecto e ilusionante” deste novo espazo habilitado polo concello.

Pola súa banda, Fernández Arruti agradeceu ao Concello en nome da AGA a dilixencia á hora de apostar por este tipo de infraestrutura e sinalou que Lalín é un punto estratéxico para o turismo de autocaravana por situarse no centro de Galicia, entre outros factores. O presidente de AGA indicou que dende a Asociación de vai apostar forte por Lalín e garantiu que esta área será un punto de referencia que suporá un salto cuantitativo no número de visitantes que recibe o municipio, por tratarse dun tipo de turismo que medra ano a ano.