Lalín organiza o encontro de blogs de turismo "Outono 2.0 en Lalín" o 7 e 8 de outubro con carácter internacional

Foto grupo blogueiros

 

28/9/2017 O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, e o técnico municipal de turismo, José González Sixto, presentaron o 2º encontro de blogueiros de turismo que leva o nome de "Outono 2.0 en Lalín" que organiza o Concello de Lalín para difundir o municipio e os seus recursos e alcanzar a súa máxima promoción a nivel turístico en redes sociais e, especialmente, nas bitácoras dixitais de cada participante. Non se trata, non obstante, dunha repetición do encontro do ano pasado, senón que se dá un paso máis facendo unha aposta por este tipo de promoción aínda máis ambiciosa. Así o principal cambio radica en que os 10 blogueiros convidados non serán unicamente galegos, pois o proxecto terá ámbito internacional, acollendo a viaxeiros galegos, españois, cataláns e portugueses. Estes expertos foron elixidos pola súa capacidade de difusión, pola súa gran influencia e pola calidade dos contidos que tratan.

Vilariño sinalou que a concellería de Tursimo segue apostando decididamente por novas formas de promoción fronte ás campañas máis convencionais. Os expertos serán guiados por aqueles espazos e recursos de maior valor e máis susceptibles para a atracción de visitantes. As visitas levaranse a cabo de xeito que se reflicta o contraste entre a zona urbana e o rural e as paisaxes do municipio, deixando así claro que Lalín se pode visitar os 12 meses do ano.

En concreto os blogueiros coñecerán o Castro Tecnolóxico, Castrodeza, o casco urbano, a nova área de autocaravanas, o Pazo de Liñares, Mouriscade, Doade e o museo Casa do Patrón, a Ponte dos Cabalos, o Monte do Carrio, a feira “Se é de Lalín, é bo”, o Paseo do Pontiñas ou as Fragas de Catasós entre outros recursos, con xantar na hostalería lalinense, onde como non, tamén se degustará un cocido.

Francisco Vilariño sostén que “a influencia dos bloggers do sector turístico é cada vez máis relevante e as sinerxías que xeran cos axentes do sector a partir da difusión de contidos de calidade reflicten o auxe desta tendencia”. Porén, “a acollida de 10 persoas responsables doutros tantos blogs de viaxes de recoñecido prestixio e traxectoria a Lalín, permitirá facelos coñecedores, partícipes e difusores dos amplos recursos turísticos cos que contamos”. As 10 bitácoras que participarán no encontro son:

Galicia Máxica, Maisgrelos, Cabonorte, El Blog de Machbel (Xixón), Viaje con escalas (Barcelona), Hanway (Madrid), Viajeros 3.0 (Burgos), Guíame por el mundo (Sevilla), Os meus trilhos (Portugal) e Vagamundos (Portugal) serán os participantes neste encontro.