O Concello impulsará e promocionará o patrimonio castrexo coa "Ruta dos Castros"

rolda de prensa ruta dos castros

 

2/10/2017 O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, presentou a nova iniciativa do Concello de Lalín coa que se quere poñer en valor unha ruta baseada nos castros. Esta proposta serviría para potenciar o rico patrimonio castrexo de Lalín mediante un percorrido visitable con varios puntos de interese. En concreto, a ruta incluirá o castro de Camposancos, o Pazo de Liñares, o Castro de Bendoiro, Castrodeza, o Castro de Donramiro e o de Doade. Para iso, o concello xa iniciou os trámites para a sinatura dun convenio cos propietarios de parcelas no castro de Camposancos, así como co ADIF, administración propietaria do de Bendoiro. Así mesmo, o próximo xoves terá lugar unha reunión cos 28 propietarios de parcelas no castro de Donramiro para informarlles do convenio. O acordo ao que se quere chegar busca que os propietarios permitan que o concello manteña limpos e en boas condicións os castros, a cambio de que sexa posible a súa libre visita. A iniciativa tamén inclúe sinaléctica, e a súa finalidade é, como se dixo, potenciar o patrimonio castrexo lalinense e, ao mesmo tempo atraer visitantes ao municipio.