O encontro de blogueiros, Outono 2.0 en Lalín, xera 28 millóns de impresións nas redes sociais.

Foto grupo blogueiros

 

13/10/2017 O encontro de blogueiros de viaxes, organizado polo Concello para difundir de xeito novidoso os atractivos turísticos do municipio, que tivo lugar a pasada fin de semana, foi un éxito absoluto. A repercusión en redes sociais que tiveron as experiencias dos blogueiros participantes foi masiva. Tanto, que as súas mensaxes nas diferentes plataformas (Facebook, Twitter e Instagram) alcanzaron un total de 28 millóns de impresións.

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, compareceu ante os medios acompañado dos técnicos de Turismo, José González Sixto, e Loli García, para facer balance dun encontro que foi incluso máis positivo que o do ano pasado e que terá uns resultados aínda máis ambiciosos segundo se vaian publicando máis contidos nas bitácoras persoais dos participantes.

Debullando o impacto nas principais redes sociais obtivéronse os seguintes datos:

En primeiro lugar, en Twitter, o hashtag #lalinuninteriorunico xerou 1.154 chíos e 5.585.131 impresións de alcance. Pola súa parte, #outonoenlalin tivo 522 mensaxes e 2.414.200 impresións, mentres que os nomeamentos a @concellodelalin supuxeron 2.748.799 impresións. En Instagram o encontro propiciou 394 publicacións e 1,9 millóns de impresións. Por último, en Facebook, as impresións alcanzaron as 18.289.760.

Os datos reflicten que a aposta do Concello de Lalín por este tipo de iniciativas ten un gran retorno e a un custe razoablemente máis baixo que o dunha campaña de promoción convencional. Deste xeito, como avanzou Francisco Vilariño, a concellería de Turismo xa valora a realización dun novo encontro de cara o ano que vén.