Lalín estrea a nova Área de Autocaravanas co obxectivo de diversificar a oferta turística local

inauguracion area autocaravanas

 

16/10/2017 O Concello de Lalín inaugurou o sábado, día 14 de outubro, a nova área de servizo e estacionamento para autocaravanas, un espazo habilitado no Agro de Lalín de Arriba coa finalidade de diversificar a oferta turística do municipio e atraer un tipo de turismo sostible e cada vez de maior puxanza.

Máis dun cento de autocaravanas acudiron a Lalín para participar na estrea da área, que se levou a cabo coincidindo coa celebración na nosa vila da asemblea anual da Asociación Galega de Autocaravanas (AGA). O alcalde en funcións, Nicolás González Casares, agradeceulle a este asociación a súa participación e implicación no proxecto. Así mesmo resaltou que o parque de autocaravanas de Lalín é o mellor do centro de Galicia e fixo fincapé en que o Concello está traballando pora atraer un tipo de turismo sostible e de natureza, considerando que este proxecto contribuirá a alcanzar estes obxectivos.

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, afirmou durante a inauguración que “hoxe é un día de alegría” e mostrou o seu agradecemento a todas as persoas que contribuíron a que a área se puidera sacar adiante. O concelleiro indicoulle aos presentes que “Lalín é a vosa casa” e fixo fincapé á hora de buscar un emprazamento se tivo en conta que o parque se instalase nun lugar do casco urbano que facilitase a chegada de visitantes ao centro da vila. Por último lembrou que o obxectivo do proxecto é “diversificar a oferta turística e xerar movemento económico durante todo o ano, porque como sempre digo, Lalín é moito máis que cocido”.