A Concellería de Turismo renova a cartelaría divulgativa con 10 novos deseños.

Cartaz promocional Mouriscade

 

8/11/2017 A concellería de Turismo do Concello de Lalín vén de sacar á luz unha nova serie de carteis promocionais do municipio, que se enmarcan na campaña e marca turística posta en marcha polo Concello, “Lalín un interior único”. En concreto, vanse publicar un total de 10 novos deseños  cos que se renova o material divulgativo xa publicado durante os últimos meses, co obxectivo de dar a coñecer e difundir de forma activa as riquezas e encantos locais e, deste xeito, tratar de atraer potenciais visitantes e, por extensión, dinamizar a economía lalinense.

En total realizouse unha tirada de máis de 10.000 exemplares, con varios modelos diferentes, tal e como informou o edil de Turismo, Francisco Vilariño. Os novos deseños son visibles e atractivos e están compostos por fotografías de gran calidade tomadas por diversos autores. Serán colocados en diversos espazos de difusión como base de futuras campañas de promoción de Lalín, ademais de estaren dispoñibles para divulgar e compartir en rede.

Todos os cartaces toman como referencia tanto recursos urbanos de relevancia (Castro tecnolóxico, escultura do porco...) como rurais e naturais ou culturais de especial beleza e interese turístico (Ponte dos Cabalos e o seu entorno, Fragas de Catasós, Mouriscade, Pazo de Liñares etc.). Todos eles levan impresa a nova consigna da campaña de Turismo, “Lalín, un interior único”.

Francisco Vilariño indicou que “este novo material pretende ter a máxima difusión, polo que vai ser distribuído a ampla escala nas diferentes actividades que organice a concellería de Turismo, así como no Concello ou na Oficina Municipal de Turismo, ademais de facerse visible en diferentes soportes”. Tamén vai estar presente nos actos promocionais da Feira do Cocido de Lalín, que este ano alcanza a 50ª edición.