"Lalín con gusto", unha novidosa proposta gastronómica na primeira fin de semana de decembro.

Foto de grupo presentacion

 

14/11/2017 Na tarde de onte presentouse  na sala de prensa do concello o evento gastronómico "Lalín con gusto". Na presentación participou o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, e os 11 hostaleiros participantes nesta iniciativa, que se vai desenvolver na Praza da Igrexa os días 2 e 3 de decembro.

Para continuar coa difusión da nosa gastronomía, o Concello de Lalín promove os días 2 e 3 de decembro a primeira edición do evento gastronómico “Lalín con gusto”, que terá lugar na Praza da Igrexa, coa participación de 10 restauradores e hostaleiros locais, ademais do chef convidado, André Arzúa. Serán dous días coa cociña e a hostalaría como grandes protagonistas onde poderedes desfrutar en directo do bo facer dos nosos cociñeiros e desgustar os seus pratos recén elaborados.

Esta iniciativa nace coa intención de perdurar no tempo para tratar de difundir ao máximo a gastronomía lalinense, que está vinculada ao cocido no inverno, pero con moitas máis posibilidades durante o resto do ano, grazas á creatividade da hostalería de Lalín, que brinda unha oferta moi diversa.

“Lalín con gusto”, en definitiva, vai poñer en valor a calidade dos múltiples produtos agroalimentarios e da nosa cociña e hostalería, ambos elementos fundamentais da economía local, nunha aposta clara pola calidade de servizo e pola promoción dos valores da cociña locais.