A campaña turística "Lalín, un interior único" continúa coa instalación de 13 novos valados promocionais en varios puntos do municipio.

Foto revisando colocación dos paneis.

 

20/11/2017 A campaña de promoción e divulgación turística, “Lalín, un interior único” emprendida pola concellería de Turismo do Concello de Lalín continúa con paso firme. A nova iniciativa enmarcada dentro deste programa mediante o que se busca dar a coñecer e poñer en valor os principais atractivos do municipio para atraer visitantes, consiste na instalación de 13 novos valados publicitarios en diferentes puntos do municipio e do casco urbano, que pola súa localización estratéxica teñen un especial interese dende o punto de vista de imaxe turística.

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, supervisou hoxe o comezo da instalación dos novos soportes publicitarios e explicou que están compostos polos deseños recén estreados pola concellería de Turismo, que serviron para renovar o conxunto da cartelaría divulgativa. Trátase de imaxes visibles e atractivas, compostas por fotografías de gran calidade “que foron elixidas pola súa grande representatividade e pola súa forza e impacto visual”. “Ademais” -engadiu o edil- “amosan á perfección aquilo que queremos vender de Lalín, un concello que destaca polo valor das súas paisaxes e do seu rural, conxugando isto cos múltiples recursos urbanos, culturais e sociais”.

Así, as imaxes que hoxe comezaron a colocarse e que debido á envergadura dos soportes non estarán totalmente colocadas ata a semana que vén, toman como referencia tanto recursos urbanos e arquitectónicos de relevancia como a escultura do porco ou o Castro Tecnolóxico, como rurais e naturais ou culturais de especial beleza e interese turístico, como a Ponte dos Cabalos e o seu entorno, as Fragas de Catasós, a área recreativa de Mouriscade, o castro de Doade, o Pazo de Liñares, etc. Todos eles levan impresa a consigna da campaña de Turismo, “Lalín, un interior único”.

Os novos valados servirán para reforzar a imaxe turística do municipio en Lalín, xa que non só se repoñen e se renovan os de anteriores campañas promocionais xa obsoletas, senón que se instalan novos soportes a maiores noutras ubicacións. En concreto vanse repoñer 2 no polígono, 1 no estadio Manuel Anxo Cortizo, 1 na rotonda das Queimadas, 1 na Rolda Leste (na zona do CEIP Manuel Rivero), 1 na rotonda do Centro Comercial Deza e outro en Agruchave. Así mesmo colocarase unha nova imaxe no parque de Joaquín Loriga, outro na Avenida da Estación, outro na Avenida de Ourense e dous novos na rúa Corredoira.

Francisco Vilariño incidiu en que “o inxente traballo que vén desenvolvendo a concellería de Turismo destaca polas súas iniciativas activas na procura de atraer visitantes”. Nesta liña indicou que a acción de colocar vallas promocionais en puntos estratéxicos responde ao obxectivo de conseguir “que todos os que pasen polo noso municipio -que pola súa situación xeográfica e por ser un cruce de camiños, son moitos todos os días- descubran o seu interior único e paren en Lalín para gozar dos nosos múltiples atractivos dinamizando, deste xeito, a economía e a sociedade local”.  “Trátase, en definitiva” -apunta o edil- “de continuar impulsando ao máximo os recursos que temos en Lalín e de seguir asentado a aposta do Goberno polo turismo interior, sostible e de calidade, baseado nun trato cercano que é posible desfrutar durante todo o ano”.