Samsung estrea o spot publicitario rodado no Castro Tecnolóxico

Fotograma video Samsung

 

22/11/2017 A multinacional da tecnoloxía, Samsung, vén de estrear en Corea do Sur o spot publicitario rodado o pasado mes de abril no Castro Tecnolóxico deseñado polos prestixiosos arquitectos Mansilla e Tuñón. Así o vén de anunciar o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, que mostrou a súa ledicia ao comprobar os resultados do inxente traballo realizado pola concellería en aras de que a citada corporación elixise Lalín para a rodaxe do anuncio, impoñéndose a outras localizacións de enorme dimensión como Xapón ou Brasil. O spot ten unha duración de 23 segundos e xira en torno á escaleira helicoidal do consistorio. As súas curvas darán a volta ao mundo acompañadas da música orixinal do recoñecido compositor, Víctor Reyes. En conxunto, o produto audiovisual mestura “suculentamente” arquitectura, música e tecnoloxía, dando como resultado unha nova perspectiva artística onde o elemento arquitectónico harmoniza cos sons, encaixando á perfección as curvas da escaleira coas do produto e conformando una pureza de liñas e imaxes que sorprende ao espectador.

Aínda que en Corea do Sur -país para o que foi deseñado o anuncio- a súa emisión comezou hai xa varios días tanto na televisión como en internet, o documento acaba de ser incorporado aos arquivos publicitarios de Samsung a nivel mundial. Deste modo, tal e como explicou o concelleiro, o spot poderase pasar, a partir de agora, en calquera país do mundo que Samsung o estime oportuno. A decisión de emitilo nun país ou noutro virá condicionada polos estudos de marketing da propia multinacional e das súas diferentes necesidades comerciais. En todo caso, Francisco Vilariño destaca que a súa proxección a nivel mundial esta garantida “polo que se dará a coñecer Lalín en todo o mundo”.

 

O concelleiro fixo fincapé en que o vídeo presentado por Samsung “constitúe unha carta de presentación única do noso concello”. Ao mesmo tempo servirá “para poñer en valor o consistorio como exemplo de arquitectura de vangarda, un dos potenciais turísticos máis importantes de Lalín polo que o Goberno está apostando para atraer visitantes”. O titular de turismo tamén resaltou a potencialidade que ostenta a difusión de recursos turísticos encorsetados en campañas comerciais ou a través do cinema, poñendo como exemplo que os últimos vídeos de Samsung en Youtube contan as súas visualizacións por centos de miles e incluso por millóns. Porén, fixo fincapé na enorme repercusión que vai ter para este municipio “a emisión dun spot que se poderá ver en todo o mundo e que terá un alcance de millóns de persoas”.

A produtora encargada de realizar o vídeo comercial foi Team Works Spain, entidade que traballa para Samsung en España e que dirixe Álex Grande. Pola súa banda, a rodaxe foi dirixida por Lily Coates e Gabin Youngs, responsables de The Apiary, unha compañía australiana moi prestixiosa que traballou para marcas como Calvin Klein ou Ikea. Na filmación, que tivo lugar o 29 de abril no Castro Tecnolóxico, traballou un equipo dunhas 60 persoas. Como lembrou Francisco Vilariño, todos os gastos derivados do desembarco do equipo de rodaxe na vila, tales como comidas ou pernoctas, realizáronse directamente en Lalín por petición expresa da concellería, co obxectivo de que a realización do filme repercutise beneficiosamente na economía local.

 Click na imaxe para reproducir.

link video