O Concello de Lalín instala novos paneis informativos no xacemento castrexo de Doade

instalacion paneis castro de doade

 

23/11/2017 O xacemento castrexo de Doade conta dende esta semana con nova sinaléctica informativa. O Concello de Lalín, a través da concellería de Turismo e grazas a unha achega da Deputación de Pontevedra, vén de colocar 7 novos paneis nos que se explican e describen tanto os propios restos arqueolóxicos que actualmente se poden observar no castro como os diferentes procesos de escavación efectuados nos últimos tempos. O concelleiro titular de Turismo, Francisco Vilariño, achegouse esta mañá a Doade para comprobar de primeira man o resultado da instalación dos cartaces, acompañado da responsable do Museo Etnográfico Casa do Pareón, Amparo Blanco.

Os paneis foron colocados tanto na propia coroa castrexa como no acceso á mesma. Instaláronse en dous formatos diferentes: uns de maior tamaño nos que se detallan de maneira gráfica e esquemática aspectos como os procesos de escavación arqueolóxica desenvolvidos ou se fan recreacións do castro e da súa situación xeográfica, e outros en formato menor con información máis concreta sobre as vivendas castrexas e outras construcións anexas. En todo caso, a sinaléctica é estética e respectuosa co entorno. Ao mesmo tempo serve para complementar a xa existente, conseguindo no seu conxunto mellorar o acceso á información a quen se achegue a admirar os restos do castro de Doade.

O concelleiro de Turismo mostrouse satisfeito de ter mellorado en colaboración coa Casa do Patrón a información sobre este conxunto patrimonial “que se está convertendo nun dos recursos turísticos máis importantes do noso municipio”. En palabras do Francisco Vilariño, o castro de Doade “xa é un dos maiores referentes turísticos patrimoniais do concello e as recentes prospeccións, xunto con iniciativas como a mellora da cartelaría explicativa, outórganlle valor engadido a un conxunto de enorme interese e atractivo que xa se converteu nunha peza clave para a atracción de visitantes a Lalín”. Por último, o edil resaltou que Lalín é un dos municipios galegos que conta cunha maior presenza de patrimonio castrexo e que máis alá da súa transcendencia cultural e histórica, tamén supón un interesante atractivo para ofrecerlles aos visitantes e aos propios veciños de Lalín durante os 12 meses do ano. Porén, lembrou que a concellería de Turismo puxo en marcha varias iniciativas para poñer en valor os castros e a súa potencialidade turística, como a publicación de guías  didácticas con todos os xacementos, ou incluso dunha ruta dos castros.