Presentado o novo inventario do patrimonio etnográfico e turístico de Lalín.

presentacion catalogo patrimonio etnografico e turístico

 

26/11/2017 Na mañá de onte, o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, presentou -acompañado de técnicos municipais de Turismo- o novo inventario do patrimonio etnográfico e turístico do Concello de Lalín.

Trátase dun extenso documento, con máis de 900 páxinas,  nas que se catalogan e se referencian 1.051 bens tanto etnográficos e culturais como patrimoniais e turísticos.

En concreto, o inventario rexistra cruceiros (46), petos de ánimas (1), astros, mámoas e petrogligfos (133), pazos e casas grandes (89), conxuntos arquitectónicos rurais (10), mosteiros (1), castelos (1), igrexas e capelas (70), pontes pontellas e portos (35), pendellos de feiras e mercados tradicionais (2), muíños (230), hórreos (49), fontes e lavadoiros (181), fornos (2), alvarizas (23), pombais (4), pozos e regas (2), camiños (2), museos (5), tradición oral, ditos populares, cantos, contos e lendas (53), manifestacións musicais (15), festas e romarías (60), feiras (9), procesos económicos e oficios tradicionais (13), fábricas (6), minería, centrais eléctricas e parques eólicos (9).

Este proxecto é o froito dunha exhaustiva investigación por parte dos técnicos municipais, que recompilaron gran cantidade de material documental e consultaron gran cantidade de fontes, tanto dixitais como documentais.

En palabras do concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, trátase dun documento base a partir do que se vai levar a cabo un proceso participativo e de consulta co obxectivo de poder enriquecelo e incluso incorporalo ao catálogo de bens do PXOM.

O concelleiro insistiu en que se trata dun documento aberto, polo que se van celebrar reunións con expertos e asociacións, co obxectivo de que poidan realizar as súas aportacións. Ao mesmo tempo lembrou que o documento foi elaborado integramente por persoal municipal a custe -aínda que os custes da súa elaboración poderías alcanzar os 100 mil euros, de facelo unha empresa privada- e e felicitou os técnicos que o levaron a cabo polo seu excelente traballo.