Lalín difunde os encantos do Kilómetro Cero por toda Galicia.

foto balado publicitario

 

1/12/2017  O Concello de Lalín, dentro da campaña promocional, “Lalín, un interior único”, continúa difundindo no exterior os atractivos do municipio.  Tras colocarse cartaces publicitarios en 20 vilas e concellos galegos, na súa maioría de máis de 20 mil habitantes, e instalarse 13 novos valados divulgativos en diferentes puntos do municipio e do casco urbano, a campaña chega ás grandes cidades galegas. Así o anunciou esta mañá o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, que explicou que os novos soportes publicitarios con imaxes promocionais de Lalín xa están instalados nas cidades máis importantes de Galicia.

Os anuncios están compostos polos deseños recén estreados pola concellería de Turismo, que serviron para renovar o conxunto da cartelaría divulgativa. Trátase de imaxes visibles e atractivas, compostas por fotografías de gran calidade que foron elixidas pola súa grande representatividade ademais de por mostrar á perfección a imaxe de Lalín como un concello que destaca polo valor das súas paisaxes e do seu rural en consonancia cos múltiples recursos urbanos, culturais e sociais. A súa ubicación elixiuse tendo en conta diferentes criterios de estratexia turística co obxectivo de que os anuncios teñan o máximo alcance. Porén, colocáronse, por exemplo, nas proximidades de áreas comerciais, que nestas datas rexistran unha gran afluencia de público.

Esta campaña iniciouse coa intención especial de atraer visitantes de cara a época invernal e de nadal, unha época do ano cunha relevacncia especial xa que os visitantes adoitan realizar un maior consumo. Francisco Vilariño sinalou que a iniciativa “se enmarca dentro das políticas activas de promoción turística postas en marcha polo Goberno de Lalín, dentro dun novo modelo promocional que escapa da pasividade para buscar o visitante no exterior e alí onde hai máis xente”.