"Lalín con gusto" triunfa e apunta a unha nova edición con máis ingredientes antes do verán

rolda prensa balance lalin con gusto

 

5/12/2017 O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, e varios dos cociñeiros e hostaleiros participantes na 1ª edición do evento gastronómico organizado polo Concello de Lalín, “Lalín con gusto”, compareceron onte pola tarde ante os medios para valorar o resultado desta iniciativa.

O edil foi tallante ao indicar que “Lalín con gusto foi un éxito e incluso superou con creces as previsións e as expectativas iniciais, non só pola gran asistencia de público, senón  tamén por alcanzar sobradamente os obxectivos para os que puxemos en marcha este proxecto: poñer en valor a variedade e a calidade do produto de Lalín e potenciar e dar a coñecer o talento da hostalería e a restauración local”.

Vilariño recalcou que este evento funcionou “por ter en Lalín  as bases necesarias para que así sexa: a calidade dos produtos e dos nosos cociñeiros”. Porén, o responsable de Turismo adiantou que, “debido á enorme proxección que tivo e o ben que saíu Lalín con gusto, o ano que vén terá lugar unha segunda edición”. Para comezar traballar sobre ela proximamente  terán lugar as primeiras xuntanzas entre a concellería e a hostalería buscando que a do ano que vén sexa unha edición aínda máis ambiciosa.

Para o edil a gastronomía de Lalín “é unha das nosas mellores cartas de presentación como así se está demostrando, polo que imos seguir apostando firmemente por este sector, non só no relativo ao cocido”. Finalmente resaltou “o ben que o fixeron todos os participantes”, dándolle de nota “un 10” e salientou a enorme implicación dos restauradores para a celebración de “Lalín con gusto”. “Para min é un auténtico orgullo ver como se involucraron todos, como se axudaron e como colaboraron entre eles e coa organización para que todo saíra tan ben como saiu”, indicou.

Na rolda de prensa tamén participaron Xan Martínez (Taberna A Lareira), Alberto González (Casa Currás), Davinia Rielo (Restaurante 4 Camiños) e (Xaime Rodríguez ) Café Bar Kubos, que valoraron moi positivamente o evento resaltando a gran cantidade de público que asistiu ás catas e demostracións de cociña en vivo, así como a colaboración, o compañeirismo e o bo ambiente vivido. Tamén apostaron por ser incluso máis ambiciosos en próximas edicións, tras o éxito da actual, e puxeron en valor a gran calidade dos produtos de Lalín e o bo traballo dos restauradores e hostaleiros que están facendo que Lalín sexa un concello de referencia no ámbito gastronómico.