O Concello abre o proceso participativo para enriquecer o novo inventario patrimonial.

reunión inventario patrimonio

 

6/12/2017  O Concello de Lalín acolleu na tarde onte a primeira das xuntanzas para presentar o novo inventario municipal do patrimonio etnográfico e turístico. Neste encontro -convocado polo concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño- participaron unha vintena de persoas, na súa meirande parte estudosos e expertos en cuestións relacionadas co patrimonio, a historia, a cultura e o turismo. Todos eles coincidiron á hora de salientar o inxente traballo realizado para a elaboración deste documento, no que se catalogan e se referencian máis dun milleiro de bens e que constitúe a iniciativa máis ambiciosa que se ten feito no Concello neste eido. Ao mesmo tempo tamén se destacou a súa importancia como ferramenta inicial para avanzar no coñecemento e, en consecuencia, na protección de toda a riqueza patrimonial de Lalín, tanto material como inmaterial.

Tras realizar a presentación do inventario aos asistentes ao encontro, Francisco Vilariño incidiu en que “non se trata dun documento pechado, senón que constitúe un punto de partida para a recollida, a documentación e a ordenación de todo o inmenso e variado patrimonio co que conta o noso Concello”. Vilariño explicou que “partimos da certeza de que un patrimonio que non se coñece é como se non existise, e de que só mediante a catalogación rigorosa e exhaustiva de todos os elementos que o compoñen poderemos avanzar na a súa posta en valor e, en consecuencia, na súa protección”.

Así, coa activación deste proceso participativo e consultivo “non só se pretende enriquecer aínda máis o traballo desenvolvido polo Concello, senón que tamén se busca reforzar o apego dos cidadáns cara este tipo de elementos”. Desta maneira, en palabras do concelleiro de Turismo, “este documento vivo e aberto irase nutrindo coa participación de expertos e de veciños, o que permitirá, ao longo de varias etapas, proporcionar información certa e fiable sobre a descrición dos diferentes elementos patrimoniais, a súa localización e o estado no que se atopan”. Entre as alternativas que se propuxeron no encontro está a posibilidade de abrir un proceso colaborativo en rede aberto a todo aquel que desexe participar e realizar as súas achegas. Nunha fase final, o propósito pasa por levar todo o inventariado ao catálogo do PXOM e deseñar as mellores estratexias que concilien a súa protección coa súa posta en valor e divulgación.

O inventario do patrimonio etnográfico e turístico de Lalín é un extenso documento, formado por máis de 900 páxinas, nas que se catalogan e se referencian 1.051 bens tanto etnográficos e culturais como patrimoniais e turísticos.

En concreto, o inventario rexistra cruceiros (46), petos de ánimas (1), astros, mámoas e petrogligfos (133), pazos e casas grandes (89), conxuntos arquitectónicos rurais (10), mosteiros (1), castelos (1), igrexas e capelas (70), pontes pontellas e portos (35), pendellos de feiras e mercados tradicionais (2), muíños (230), hórreos (49), fontes e lavadoiros (181), fornos (2), alvarizas (23), pombais (4), pozos e regas (2), camiños (2), museos (5), tradición oral, ditos populares, cantos, contos e lendas (53), manifestacións musicais (15), festas e romarías (60), feiras (9), procesos económicos e oficios tradicionais (13), fábricas (6), minería, centrais eléctricas e parques eólicos (9).

Este proxecto é o froito dunha exhaustiva investigación por parte dos técnicos municipais, que recompilaron gran cantidade de material documental e consultaron gran cantidade de fontes, tanto documentais como dixitais, bibliográficas e persoais.