"Os acústicos de Liñares" chegan polo Nadal.

rolda prensa presentacion os acústicos de Liñares

 

21/12/2017 A sala de prensa do concello de Lalín acolleu a presentación do evento musical denominado “Os acústicos de Liñares”, organizado pola concellería de Turismo o día 25 de decembro, a partir das 18.30 horas, no Pazo de Liñares. Trátase dun concerto en acústico no que participarán tres agrupacións locais: As mozas do arrabal, NÓS e Atmósfera Zero e que -como explicou Francisco Vilariño- busca poñer en valor unha xoia como é o Pazo de Liñares, procurando facer desta casa monumental un colector de actividades e un espazo cheo de contidos. Nesta liña lembrou que ao longo do ano xa se viñeron desenvolvendo no Pazo numerosas iniciativas de carácter cultural e turístico, así como outras actuacións de mellora do edificio e do seu entorno, co obxectivo de facer do Pazo de Liñares un dos máximos referentes á hora de atraer visitantes a Lalín.

O concelleiro de Turismo sostén que Liñares “xa ten demostrado ser un fantástico lugar no que desenvolver actividades musicais, polo que nesta ocasión” -engade- “tamén se quixo contar coas facilidades que nos aporta contar co talento de 3 fantásticos grupos musicais de Lalín sempre dispostos a colaborar, para tratar de levar a cabo un concerto especial nunha data tamén especial que, a pesar de que poida parecer arriscada, cremos que vai funcionar moi ben”.

Os acústicos de Liñares nace con vocación de ser unha cita con continuidade e, no caso de que nesta primeira edición goce de boa acollida, repetirase en anos vindeiros. Para finalizar, o concelleiro animou a toda a cidadanía a participar nesta actividade e agradeceu a boa disposición das bandas que van tocar o día 25.

Francisco Vilariño estivo acompañado na comparecencia por Benxamín Otero de As mozas do arrabal, por Diego Sieiro, membro de Nós e por Vito Dasilva (Atmósfera Zero). Todos destacaron o atractivo de poder ofrecer un concerto acústico “nun espazo idílico” como é o Pazo de Liñares e nunha data tan sinalada como é o día de Nadal. Os músicos animaron á cidadanía a acudir a un concerto “que vai ser moi bonito e distinto do que se adoita ver en Lalín ultimamente”. Para rematar agradeceron ao Concello de Lalín a posibilidade de poder participar nesta iniciativa.