Laxeiro será o cartelista da edición número 50 da Feira do Cocido

presentacion cartel cocido 2018

 

28/12/2017 O pintor lalinense José Otero Abeledo (Lalín, 1908 - Vigo, 1996), coñecido como Laxeiro, volverá ser o autor do cartel do Cocido, nun ano na que a Feira (que celebra o seu día grande o 4 de febreiro) cumpre o seu medio século de vida. O Concello de Lalín decidiu recorrer a un cadro do noso pintor máis universal, prestixioso, recoñecido e cotizado como un dos grandes elementos identificadores da que vai ser unha edición histórica da Feira, xa que se converte na súa carta de presentación e na súa imaxe en todos os actos, eventos e actividades organizadas arredor desta festa de interese turístico nacional.

Porque, sen lugar a dúbidas, se hai un artista vencellado á historia do Cocido, ese é Laxeiro. O pintor lalinense xa foi autor dos carteis das edicións número 7 (1975), número 9 (1977) e número 25 (1993). Hai que ter en conta, ademais, que foi o primeiro cartelista propiamente dito da Feira, xa que, aínda que o evento se empezou a celebrar en 1968, non foi ata 1975 cando se empezaron a facer carteis asinados por artistas. Foi nese ano cando a Feira do Cocido tivo a honra de que fose Laxeiro o que aceptase abrir as portas a esa iniciativa, facendo da arte unha boa maridaxe para o cocido. En 2018, máis de dúas décadas despois do seu falecemento, Lalín volve repetir a honra de que José Otero Abeledo -grazas á colaboración da Fundación Laxeiro- asine o cartel do Cocido.

A obra

En concreto, trátase dun óleo sobre tea, sen título, de 1969, que Laxeiro pintou en directo durante a inauguración da Escola de Turismo de Vigo. Naqueles anos, Laxeiro vivía en Bos Aires e estaba inmerso no seu período informalista. Unha das súas visitas a Galicia coincidiu coa inauguración da primeira escola de turismo en Vigo, e Laxeiro pintou esta obra en directo, durante o acto de inauguración, e dooulles a peza. Anos máis tarde, Laxeiro interésase polo cadro e acába mercándollo a un particular. Hoxe en día permanece exposta na sede da Fundación Laxeiro, en Vigo, onde forma parte da súa colección permanente. Este cadro tamén foi empregado como portada do catálogo da exposición en Lisboa: Pérez Buján, J. “Laxeiro, el carnaval de las formas”, que foi publicado no ano 2003.

A obra é un claro exemplo da faceta máis espontánea de Laxeiro. Nos anos sesenta, Laxeiro tivo un período intensamente experimental no que se achegou a camiños que teñen moito que ver coa pintura de xesto e a pintura de acción, na que o proceso é tan importante como o resultado final. Nestas obras a cor e a mancha gañan protagonismo con respecto á liña e o debuxo e produce obras -como a que se vai empregar de cartel da 50 edición do Cocido- que se achegan moito á abstracción, aínda que na pintura de Laxeiro, case sempre hai unha ancoraxe figurativa, como, neste caso, algunhas caras que forman parte da obra.

O cartel coa obra de Laxeiro complétase co logotipo elaborado polo deseñador Nico Alvarellos para a edición número 50 da Feira do Cocido. Nel plásmase a idea de que o número 50 funcione como anagrama e que simbolice de maneira abstracta un porco. Así, o número 50 representa o fuciño do animal e o círculo sen pechar da cabeza fai tamén as veces do rabo. Este deseño está realizado a man alzada e redibuxado dixitalmente.

Laxeiro

José Otero Abeledo (Lalín, 1908 - Vigo, 21 de julio de 1996), é Fillo Ilustre de Lalín e un dos máis representativos pintores que ten dado Galicia en tódolos tempos. Naceu na parroquia de Donramiro (Lalín), o 23 de febreiro de 1908. Ata os seis anos vive coa súa familia que reside en Vilamaior (Botos), parroquia á que Laxeiro volvería anos despois , para lembrar a súa infancia como escolar e pastor. A súa aptitude para o debuxo chama a atención ós seus mestres e a súa imaxinación e fantasía fano popular entre os veciños, converténdose en actor improvisado que o mesmo recita un poema que artella un inspirado sermón. Neste escenario rural é onde alimenta o seu mundo interior, con romarías, tolos como "O Naranxo", vagabundos que deambulan polas aldeas, moinantes, e unha tradición chea de mitoloxía, superstición, lendas e fábulas, que estarán presentes sempre na súa obra; escenarios como A Romea, poboados por animais máxicos e personaxes de extraordinarios poderes.

En 1951, pintor xa recoñecido, trasládase a Buenos Aires para presentar unha exposición colectiva. O éxito anímao a permanecer alí ata 1960. Relacionado con pintores da vangarda arxentina, expón con frecuencia e aparece como escritor de contos e relatos. A súa etapa arxentina inflúe decisivamente na súa traxectoria artística.

O ano 1968 sería decisivo para Laxeiro. De volta a España, a súa exposición na Galería Biosca, coas súas obras máis destacadas, obtén notable éxito. Instalado no ático do Café Gijón, decide viaxar a Holanda para coñecer a pintura de Rembrandt, que deixará nel unha pegada profunda.

Chegan exposicións, homenaxes e o recoñecemento da obra deste pintor universal nacido en Lalín, que pode recoller en vida. As súas obras colgan en importantes museos e acadan unha elevada cotización. Doa ó seu pobo de Lalín unha importante colección de cadros que exporán no Museo de Fillos Ilustres e recibe numerosas homenaxes populares. O seu nome figura nunha das rúas da vila lalinense. Tamén en Vigo, inaugúrase en 1985 a Casa de Laxeiro, un museo onde ademais dalgunhas das súas mellores obras pódense ver obxectos persoais, como aquela caixa de pinturas que lle obsequiara outro fillo ilustre de Lalín, don Ramón Mª Aller, o sabio lalinense que intuíra o xenio do rapaz-pintor de Botos.

Laxeiro continúa co seu traballo. No ano 1989, ten a honra de ser o artista elexido para a exposición inaugural do Auditorio de Galicia en Santiago, e recibe a Medalla Castelao da Xunta de Galicia. O 21 de xullo de 1996, Laxeiro morre na súa casa de Vigo, sendo soterrado no Cemiterio de Lalín.

Os cartelistas do cocido

Laxeiro foi, en 1975, o primeiro artista que elaborou o cartel da Feira do Cocido. A el seguíronlle Sucasas, Virxilio, Paío, Fortes, Alicia Alonso, Santiago Valdés, Aymerich, Moldes, Paco Lareo, Lamazares, Gloria Alonso, Armindo Salgueiro, Xabier Arias, Nicolás, Álvaro Negro, Nicolás, Álvaro Negro, Moncho Borrajo, Fondevila, Macías, Quintana Martelo, Antón García Patiño, Jorge Castillo, Barreiro, Antón Pulido, Chelín, Vidal Souto, Pilar Taboada, Alexandro e, na última edición da Feira, Francisco López “Pichi” e Misha Bies Golas.