"Rosiña" será o pin conmemorativo da 50 Feira do Cocido

Presentacion pin Feira do Cocido

 

29/12/2017 Onte tivo lugar no concello de Lalín o acto de presentación do pin conmemorativo da Feira do Cocido, que este ano se celebrará o día 4 de febreiro, alcanzando o medio século de vida. O pin é un dos elementos máis importantes dentro da promoción da feira e, este ano, dentro das propostas novidosas para conmemorar o aniversario do festexo, o Concello convocou un concurso de debuxo escolar para que foran os alumnos e alumnas de Lalín as encargados de definir o seu novo deseño.

Finalmente e como xa estaba anunciado, a proposta que leva o nome de "Rosiña" de María Pichel, alumna de quinto de primaria do CEIP Xesús Golmar, foi a elixida polo xurado para servir de base para o deseño do pin que hoxe se presentou. No acto de presentación público participaron, ademais de María Pichel, o alcalde, Rafael Cuíña, a concelleira de Cultura, Lara Rodríguez e representantes da hostalería de Lalín.

O rexedor destacou que o pin “é un produto moi demandado polas miles de persoas que veñen a Lalín durante a época do cocido, polo que non se trata dun tema de promoción menor”. Cuíña parabenizou á autora do deseño, de 10 anos de idade, que foi a propia encargada de explicar a idea que resultou gañadora. “O pin”, manifestou “consiste nun porco que se chama Rosiña e que vive nunha gran pota de cocido onde pasa o día durmindo e, como lle gusta tanto o cocido, nunca sae da pota e por iso está tan gorda” dixo espertando a risa entre os presentes.

Pola súa parte a concelleira de Cultura lembrou que a idea de involucrar o colectivo escolar no deseño do pin busca promover que todo o mundo se sinta orgulloso de formar parte da celebración da Feira do Cocido e para que tamén as rapaces e rapaces do concello se poidan sentir unha parte activa e importante desta cita”.

Tal e como vén sendo habitual nos últimos anos, con este deseño elaboraranse miles de pins que acabarán sendo distribuídos na súa inmensa maioría entre os restaurantes que participan no XX Mes do Cocido, que ten lugar tradicionalmente do 15 de xaneiro ao 14 de febreiro. Deste xeito, cada comensal que se achegue neste período a degustar o prato estrela da nosa gastronomía recibirá unha destas pezas conmemorativas.