O Presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, será o pregoeiro da edición número 50 da Feira do Cocido de Lalín

Victor freixanes

 

3/01/2018 O presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, será o pregoeiro da L Feira do Cocido de Lalín, que celebrará o seu día grande o vindeiro 4 de febreiro. Nunha edición na que este evento cumprirá o seu medio século de historia, o Goberno de Lalín decidiu apostar por un intelectual de recoñecido prestixio e dunha traxectoria literaria, cultural e xornalística que o sitúa á altura de Álvaro Cunqueiro, que foi o primeiro pregoeiro da Feira do Cocido. Desta maneira, Fernández Freixanes pasará a engrosar a nómina de grandes intelectuais, escritores e xornalistas que ao longo do seu medio século de vida lle prestaron a súa voz a unha das festas gastronómicas máis importantes de Galicia e do resto do Estado, e que ao longo do tempo conseguíu sobrepasar o puramente gastronómico para converterse en todo un referente social, etnográfico, cultural e artístico.

O alcalde de Lalín agradeceu a Víctor Fernández Freixanes a súa inmellorable disposición a exercer como pregoeiro da Feira do Cocido, unha proposta que lle realizou de maneira persoal e que o presidente da Real Academia Galega asumíu sen dubidalo nin un intre. Para Rafael Cuíña supón “unha verdadeira honra e un orgullo que o presidente da máis recoñecida institución académica galega vaia ser un dos protagonistas da Feira, nunha edición na que os nomes da RAG e a Feira do Cocido quedarán intimamente ligados”.

Nesta liña, o rexedor pon de relevo que Víctor Fernández Freixanes é o máximo representante dunha das máis importantes institucións culturais e históricas de Galicia, a Real Academia Galega, polo que coa súa elección como pregoeiro tamén se vincula o prestixio e a fundamental traxectoria na defensa da cultura, o idioma e a tradición de Galicia da RAG, coa celebración gastronómica de maior prestixio, relevancia social e tradición de Galicia. Cuíña considera que a elección de Víctor Freixanes permite que a edición número 50 da Feira do Cocido conte cun pregoeiro á altura do que supón un aniversario tan importante coma este e dotará de solvencia e solemnidade a un dos actos máis relevantes e significativos de todos os que se enmarcan dentro da celebración da Feira”.

Biografía

Nado en Pontevedra no ano 1951, Víctor F. Freixanes é escritor, editor, xornalista e profesor titular do Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, institución na que se doutorou en Filoloxía Románica en 1998. É catedrático (en excedencia) de Lingua e Literatura Galega de educación secundaria (primeira promoción, 1983).

Ingresou na Real Academia Galega, ocupando a cadeira de Carlos Casares, o 27 de febreiro de 2004 co discurso Desafíos para un novo século. Entre a Trabe de Ouro e a Paxariña de Armenteira, ao que respondeu o académico Antón Santamarina Fernández.

Foi director xeral da editorial Galaxia entre 2002 e 2016 e é codirector da revista Grial (Revista Galega de Cultura), xunto co profesor Henrique Monteagudo. Con anterioridade, foi director xeral da Edicións Xerais de Galicia (1988-1993), director xeral de edicións do Grupo Anaya e director de Alianza Editorial S.A (1994-1998). Presidiu a Fundación Otero Pedrayo (2005-2017), da que é na actualidade presidente de honra, e é membro da Sección de Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega. Foi membro do Patronato da Fundación Germán Sánchez Ruipérez e nesta condición participou na creacion da Casa del Lector (Madrid, 2010).

Os seus primeiros libros son de xornalismo: Unha ducia de galegos (Galaxia, 1976) e Memorias dun fuxido (Edicións Xerais de Galicia, 1980), que foi finalista do Premio Internacional da Prensa en Niza. Como novelista publicou O triángulo inscrito na circunferencia (Galaxia, 1982), O enxoval da noiva (Galaxia, 1989), A cidade dos césares (Edicións Xerais de Galicia, 1993) e Cabalo de ouros (Galaxia, 2010). En 1991 publicou Unha avelaíña na lámpada, relato breve ilustrado polo pintor Xosé Freixanes (Edicións Aguatinta) e en 1989, Pontevedra, o día en que perdemos o mar (Ir Indo), con fotografías de X. Vilar Cardona.

Entre outros recoñecementos, recibiu o o Premio de Narracións Curtas Modesto Figueiredo por A caza das cascudas; o Premio Blanco Amor de novela, o Premio da Crítica de narrativa galega e o Premio da Asociación de Críticos de España nesta modalidade por O triángulo inscrito na circunferencia; o Premio da Crítica Galega e o Premio da Asociación de Criticos de España por O enxoval da noiva; o Premio Gonzalo Torrente Ballester por A cidade dos césares, o Premio Fernández Latorre de Xornalismo (2002) e o Premio da Federación de Libreiros de Galicia ao Autor do Ano por Cabalo de ouros, obra coa que volveu gañar o Premio da Crítica da Asociación de Críticos de España na especialidade de narrativa galega.

No ano 2012 recibiu o Premio Rosa dos Ventos, na súa primeira edición, que promoven os alumnos e alumnas do Instituto Galego-Arxentino Santiago Apóstol (Buenos Aires), en recoñecemento á persoa con maior proxección cultural galega na Arxentina.

Como xornalista foi cofundador de Teima (1976), primeira revista de información xeral en lingua galega despois da ditadura de Franco, e redactor entre 1974 e 1980 de Radio Popular de Vigo, onde activou a presenza do idioma galego no medio radiofónico. Nesa mesma época foi correspondente do xornal madrileño Informaciones para Galicia e norte de Portugal. Entre 1985 e 1986 dirixiu o programa de TVG “A trabe de ouro”, centrado na difusión do mundo do libro e a literatura.

Como ensaísta e director de liñas de investigación, a súa actividade céntrase preferentemente no ámbito da comunicación e as industrias culturais. Algunhas das súas publicacións neste eido son O disco e o cine. A cultura e os medios de comunicación de masas (Banco de Bilbao, 1980); “Lingua, poder e comunicación social”, en Cultura e medios de comunicación en sociedades dependentes (Ediciós do Castro, 1981); “El libro en lengua gallega”, en Historia ilustrada del libro español (Fundación GSR, 1996), “O perfil do xornalista na sociedade dixital”, en A comunicación audiovisual na era dixital (USC, 1996); ou “Os novos medios”, en Comunicación 2000 (Consello da Cultura Galega, 2000). Foi redactor relator de Galicia 2010 (Asociación do Proxecto de Investigación Galicia 2010), e dirixiu Galicia, Unha luz no Atlántico (VVAA. Edicións Xerais de Galicia, 2001) e O capital da cultura. Mapa das industrias culturais de Galicia (Fundación Caixa Galicia, 2010, en colaboración con Alberto Meixide Vecino).

Colaborador habitual na prensa con columnas de opinión (La Voz de Galicia), foi profesor e conferenciante invitado en varias universidades estranxeiras: The Graduate Schooland University Center de Nova York, Forham University de NY, Universidade de Tamaulipas (México) etc., e relator de seminarios arredor da edición en feiras internacionais (Buenos Aires) con atención especial ás novas tecnoloxías. Traduciu ao galego as Lettres de monmoulin de AlphonseDaudet (Edicións Xerais de Galicia, 1980).