Lalín estrea curtametraxe documental co gallo do 50 aniverario da Feira do Cocido

PRESNETACIÓN DOCUMENTAL

 

5/01/2018 O Concello de Lalín presentou oficialmente a curtametraxe documental sobre os 50 anos da Feira do Cocido. Trátase dunha fantástica peza audiovisual que pasará a formar parte do material promocional da festa máis sobranceira dos lalinenses no ano no que cumpre medio século de vida. O acto de presentación tivo lugar na Biblioteca Municipal coa presenza do alcalde, Rafael Cuíña, o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e o responsable da produtora que realizou o documental, Emilio Fernández.

O documento audiovisual – de 8 minutos de duración- funciona como unha reseña sobre a Feira do Cocido e sobre o que este evento gastronómico supón para o pobo de Lalín e para o crecemento deste concello. A súa finalidade é a de promocionar a Feira e achegala ao espectador a través da prosa de Álvaro Cunqueiro, que aparece ficcionado no vídeo e que vai narrando a secuencia durante a súa viaxe a Lalín para ofrecer o pregón da primeira Feira do Cocido.

A peza foi confeccionada estudando e botando man de gran cantidade de documentación e material gráfico pertencente a diferentes arquivos. Mestura imaxes actuais e outras antigas que amosan como eran os primeiros anos da feira e da vila de Lalín, buscando transmitir a esencia do pobo lalinense e da súa festa gastronómica.

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, explicou que a execución deste documental se encadra dentro das diversas iniciativas e accións promocionais postas en marcha polo concello con motivo das vodas de ouro da Feira do Cocido. Considera que é primordial, dentro destas propostas, contar cun documental que explicase o que a Feira supón para Lalín en termos tanto económicos como socioculturais. Porén, anunciou que será unha das ferramentas principais de difusión desta edición, polo que se vai proxectar a través das redes sociais, pero tamén se levará noutras actividades promocionais e se cederá aos establecementos que o desexen como elemento ambientador. O concelleiro agradeceu o traballo de Emilio Fernández e do seu equipo destacando que “foi unha proposta que nos gustou dende o primeiro momento e que quedou excelente no seu resultado”. Finalmente resaltou que o documental non conta coa presenza de políticos “porque aínda que hai moitas persoas que poderían merecer ter saído, quixemos darlle o protagonismo absoluto á cidadanía”.

O alcalde de Lalín pechou o acto destacando que “estamos encantados con este documental que nos gusta especialmente pola idea de que Álvaro Cunqueiro fai de fío condutor, xa que a Feira do Cocido, ademais de gastronomía e economía, tamén é cultura”. O rexedor considera que a peza “vai gustar moito e vai ter gran impacto, agradecendo o traballo realizado pola produtora e pola concellería de Turismo para sacala á luz.

PULSE PARA VER O VIDEO

VIDEO