Moneixas acolle o domingo a XIX Festa da Matanza Tradicional do Porco

presentacion da matanza tradicional

 16/01/2018 A parroquia lalinense de Moneixas acolle o próximo domingo, día 21, o festexo da Matanza tradicional do porco. Os veciños deste núcleo foron os encargados de organizar este ano, en colaboración co Concello de Lalín, un evento de carácter festivo, cultural e etnográfico, que xa vai pola súa 19 edición. A Matanza Tradicional é un dos primeiros actos que se celebran en Lalín, cada ano, no marco do Mes do Cocido, que atrae ao concello a milleiros de persoas que desexan desfrutar da gastronomía, a cultura ou o comercio lalinense. A presentación oficial da celebración tivo lugar esta mañá na casa reitoral da parroquia, enclave no que se desenvolverá o festexo. No acto participaron o alcalde, Rafael Cuíña, o concelleiro de Turismo e veciño de Moneixas, Francisco Vilariño, o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e numerosos veciños e veciñas da parroquia, entre eles, a alcaldesa de aldea, Beatriz Fernández.

Os actos comezarán en torno ás 10.30 horas, e terán lugar na citada casa reitoral de Moneixas. Trátase dun espazo singular e tradicional que se antolla propicio para acoller as diferentes actividades que se desenvolverán ao longo da xornada. Nos seus arredores habilitaranse espazos para estacionar e, ademais, contarase cunha carpa que cubrirá o lugar e que permitirá que o evento se celebre sen contratempos, no caso de que o tempo sexa desapracible.

A Matanza Tradicional do Porco trata de potenciar as tradicións populares e poñelas en valor a través da recreación do proceso da mata do porco, que se segue celebrando en moitos fogares galegos cada inverno. Así, as veciñas e veciños da parroquia escenificarán, ataviados con vestimentas propias de primeiros de século, as diferentes tarefas das que se compón este proceso, tales como o chamusco, o baleirado de vísceras, a colga, a parta, a salazón, o preparado da zorza e dos chourizos etc. Destacar que o porco chegará xa sacrificado ao festexo e se respectarán todos os procedementos vixentes de acordo ao benestar animal.

Paralelamente ás citadas labores típicas da matanza, terá lugar na propia casa reitoral unha exposición que terá ao emblemático grupo de gaiteiros “Os Dezas de Moneixas” como protagonista. A mostra recollerá as dúas etapas da formación, con fotografías antigas e recentes, indumentarias, instrumentos e incluso partituras orixinais compostas polos membros da agrupación. Co gallo desta celebración, a banda de gaitas tamén estreará unha muiñeira composta para especialmente para a ocasión. Coma sempre, os asistentes poderán degustar produtos típicos da matanza de xeito gratuíto.

O Concello agradece fondamente o enorme traballo e a implicación de toda a veciñanza de Moneixas, que leva moitos días traballando na organización deste festexo.