Lalín falla os XXIV Premios de Gastronomía de Galicia

xurados premio de gastronomia

 

23/01/2018 Hortensia Gómez Fraga do Restaurante A Gabeira (Ferrol), Alberto García García, do Mesón de Alberto (Lugo), Mª Jesús Estévez Feijóo, do Restaurante O Coto (Ourense) e Saladina Albar Fernández do Restaurante Casa Otilio (Campelo-Poio) foron recoñecidos polo xurado dos XXIV Premios da Gastronomía de Galicia reunido esta mañá no concello de Lalín na modalidade “Toda unha vida dedicada á Gastronomía Galega” que se outorga ás persoas cunha dedicación especialmente destacada na Cociña en cada unha das provincias galegas.

Javier Olleros, do Restaurante A Culler de Pau (O Grove) foi distinguido como o profesional que máis sobresaíu na potenciación da cociña galega dentro de Galicia e Adolfo Escobar Ferreiro do Restaurante O Recanto (San Sebastián de Los Reyes) pola potenciación da cociña galega fóra de Galicia.

Tamén foi premiada a entidade Padín Eventos pola Guía de vinos y licores de Galicia, dentro da modalidade de “empresa ou entidade que máis contribuíu á promoción da gastronomía e dos produtos galegos”. Finalmente, Bico de Xeado de Granxa O Cancelo, pertencente á Coop. Agraria Provincial de A Coruña, levou o premio ao pequeno produtor galego.

O tribunal estivo formado polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña como presidente, polo secretario xeral do Concello de Lalín e por representantes do Centro Superior de Hostelería de Galicia, da Asociación de Amigos da Cociña Galega, do Club Gastronómico Rías Altas, da Asociación Gastronómica Xantares, por membros de Eurotoques, Lareira e Xantares, polo delegado de Eurotoques en Galicia e por representantes da Asociación Nove Grupo Gastronómico.