Vilariño felicita os veciños de Moneixas e agradece o seu traballo na organización dunha Festa da Matanza "exitosa a todos os niveis"

veciños Moneixas

 

23/01/2018 A parroquia lalinense de Moneixas viviu onte un día que quedará para a historia desta localidade, acollendo a celebración da XIX Festa da Matanza Tradicional do Porco, que congregou durante toda a mañá e ata ben entrada a tarde, na casa reitoral e na carpa do campo da festa, a centos de persoas que se achegaron a desfrutar dunha xornada cultural e festiva ao redor da recreación do proceso da mata tradicional. O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, que ademais é veciño da localidade, quixo amosar hoxe o seu máis rotundo agradecemento e recoñecemento a toda a veciñanza da parroquia, que se volcou na organización do festexo e traballou arreo desinteresadamente durante semanas para que todo saíse ben. O edil tamén expresou as súas felicitacións en nome do Concello de Lalín a todos os residentes en Moneixas, “por levar a cabo unha das recreacións da matanza tradicional máis exitosas que se lembra, tanto a nivel de asistencia como a nivel organizativo e de calidade”.

“Síntome inmensamente orgulloso dos veciños e veciñas de Moneixas e non podo facer outra cousa que non sexa agradecer a súa absoluta implicación dende o primeiro segundo para facer posible unha celebración que será inesquecible e que perdurará no maxín colectivo da parroquia como un día máxico, con moito traballo, pero cheo de unión, diversión e de bos momentos”. Francisco Vilariño fixo fincapé en que na organización do evento participaron practicamente todos os veciños e veciñas de Moneixas. “Dende os máis novos ata os máis maiores, todos aportaron o seu gran de area e de xeitos moi diferentes, cumprindo cada un o seu papel, permitiron que a multitudinaria Matanza Tradicional saíra de maneira inmellorable en todos os aspectos”. O concelleiro resaltou que foi unha xornada destacable en gran medida polo seu ton participativo, pero tamén polo ambiente festivo e de convivencia que se viviu ao longo de todo o día tendo como escenario principal un espazo que cumpriu todos os requisitos para acoller a matanza, como é a casa reitoral, un edificio histórico e de gran beleza con amplos espazos e neste caso tamén un amplo aparcamento nas proximidades. Homes e mulleres, vestidos de época recrearon as tarefas máis importantes da matanza como o chamuscado do porco –que xa chegou morto á reitoral-, a apertura e o colgado e outras tarefas como o desenfiado das tripas e outras labores máis pequenas.

Tamén tivo gran aceptación a exposición do mítico grupo de música tradicional Os Dezas, realizada paralelamente aos actos da festa na antiga cociña da casa reitoral e na que se puideron observar instrumentos, partituras, traxes, fotografías recentes e antigas da formación etc. E como non, a carpa na que se desenvolveu a degustación de produtos do porco quedou pequena ante a multitudinaria asistencia de visitantes chegados de Lalín e de fóra do concello.

En definitiva e como afirma Francisco Vilariño, “a Festa da Matanza foi un éxito incontestable a todos os niveis e demostrou que escoller a parroquia de Moneixas para organizala no ano no que a Feira do Cocido alcanza as 50 edicións foi todo un acerto”. Para o concelleiro o éxito “tamén se debe ao esforzo promocional posto en marcha polo Goberno local para a Feira do Cocido e preludia a relevancia que pode alcanzar o 50 aniversario do festexo gastronómico o vindeiro día 4 de febreiro”.