O Pazo Liñares aumenta un 36% o numero de visitas, superando no 2017 os 10.000 visitantes.

visita en Liñares

 

24/01/2018 O concelleiro de Turismo vén de facer balance do número de visitantes que durante o 2017 se achegaron ao Pazo de Liñares, un dos principais recursos turísticos do municipio, que o Goberno de Lalín a través de diferentes medidas está potenciando e dando a coñecer. Así, durante o ano pasado a casa solarega superou a barreira das 10.000 visitas por primeira vez dende a súa restauración, alcanzando, concretamente, os 10.057 visitantes. Isto é un 36% máis con respecto ao 2016, cando desfrutaran deste enclave un total de 7.387 persoas.

O Concello de Lalín tamén mantén un rexistro por procedencia dos visitantes. Estes datos reflicten que dos 10.057, 2.981 achegáronse a Liñares dende o propio municipio, mentres que 5.821 o fixeron doutros puntos da xeografía galega e 1.024 do resto do Estado. Pero ademais, o pazo tamén rexistrou a visita de turistas internacionais, alcanzando esta cifra os 201.

Por outra banda, a maior parte das persoas que visitan Liñares son adultas (70%), aínda que a afluencia de menores tamén se incrementou en 2017 nun 37% alcanzando os 1.943. Os visitantes achéganse a Liñares por tres motivos principais: a través de excursións escolares e viaxes organizadas, así como para asistir a actos programados.

Francisco Vilariño destacou a firma aposta do Concello por potenciar esta xoia turística de Lalín, dotándoa de contidos durante todo o ano e mediante importantes inversións, como a construción dun aparcadoiro integrado no entorno.