A Concellería de Turismo estrea perfís nas redes sociais

captura facebook

 

8/02/2018 O Concello de Lalín e, máis concretamente, a concellería de Turismo, conta dende hoxe cunha nova ferramenta para difundir os atractivos turísticos do municipio na rede. Tal e como vén de anunciar o edil titular desta área, Francisco Vilariño, hoxe inauguráronse os novos perfís de Turismo de Lalín nas diferentes redes sociais coa finalidade de ofrecerlle ao visitante toda a información que precise para a súa estancia en Lalín. Turismo de Lalín é o nome que encabeza as diferentes contas estreadas en Facebook, Twitter e Instagram que no día de hoxe xa selaron varias decenas de seguidores e publicaron os primeiros contidos.

A posta en marcha das redes sociais da concellería de Turismo tamén ten o obxectivo de continuar coa posta en valor do potencial de Lalín como destino turístico ao longo de todo o ano alcanzando a máxima difusión dos diferentes atractivos. O Goberno local, dentro das súas políticas activas de promoción turística, está desenvolvendo un importante labor á hora de divulgar os recursos do concello en internet, a través de diferentes iniciativas de contrastada repercusión como os encontros de blogueiros especializados ou a activación dunha páxina web de Tursimo de Lalín.

Francisco Vilariño animou a toda a cidadanía a facer seguimento dos perfís da concellería nas redes sociais para poder acceder a todos os contidos e á máis completa información turística do municipio de xeito cómodo e rápido para que as visitas á nosa vila sexan inesquecibles.