Lalín alcanzou cifras record de afluencia de peregrinos con máis de 8.000 visitantes en 2.017

rolda de prensa paco vilariño

 

10/02/2018 O concello de Lalín pulverizou en 2017 todos os rexistros en canto a afluencia de peregrinos se refire. Así o vén de anunciar o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, quen informou de que o número de romeiros que rexistraron o seu paso polo municipio foi considerablemente maior aos 8 mil, superando así as cifras dos anos anteriores. O concelleiro de Turismo mostrouse “moi satisfeito” cuns datos, que segundo di, “amosan a potencialidade que para Lalín teñen as rutas xacobeas como eixo de atracción de visitantes e, polo tanto, como factor dinamizador económico e social”. Lalín é punto de confluencia de dúas rutas xacobeas (Ruta da Prata e Camiño de Inverno), de xeito que o paso de peregrinos é unha constante durante todo o ano, con especial incidencia en verán. “Porén” -indica Vilariño- “Lalín estase a converter nunha auténtica referencia para os romeiros, que non só elixen Lalín para pernoctar a través das diferentes alternativas que se ofrecen, senón que en moitos casos permanecen aquí máis dun día”.

O edil detallou o “significativo aumento” de peregrinos en 2017 realizando un balance que deixa os datos globais de afluencia en 8.300 visitantes. Os camiñantes a Santiago teñen en Lalín 3 alternativas principais para pernoctar: o pavillón municipal, que pon a disposición de grupos de peregrinos o Concello, o albergue público de A Laxe e as hospedaxes privadas.

Pavillón municipal

O pavillón municipal convértese en centro de pernoctación para centos de visitantes que recalan en Lalín no seu camiño a Santiago, procedentes de diferentes puntos da xeografía galega, española ou doutras partes de Europa. En total, durante 2017, fixeron uso desta instalación 1.475 visitantes, con especial incidencia nos meses de verán, onde se chegaron a contabilizar 900 romeiros nos meses de xuño, xullo e agosto.

A Laxe

O albergue de A Laxe, de titularidade da Xunta, rexistrou o ano pasado 1.824 pernoctacións. É unha cifra lixeiramente menor que a de 2016 (2.180), pero cabe lembrar que a instalación permaneceu pechada 2 meses debido á falta puntual de persoal. Aínda así, estes número son moi positivos e poñen de manifesto que de ter funcionado con normalidade o albergue durante todo o ano, o rexistro de pernoctas sería moito maior e previsiblemente superaría o de 2016.

Establecementos privados

Ademais e, tras consultalo dende a concellería con responsables de diferentes aloxamentos e coa Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago por Lalín e Deza, calcúlase que o sector privado acubillou durante 2017 a uns 5.000 peregrinos. Entre eles contabilizáronse numerosos membros de grupos que pernoctaron varios días en Lalín, xa que tomaron como base a nosa localidade para coñecer o concello e a comarca ou pola situación xeográfica do municipio, que lles permite facer diferentes etapas do camiño.

Francisco Vilariño ligou estas cifras “tan positivas”, entre outros factores, aos esforzos da concellería para poñer valor e dar a coñecer os camiños de Santiago que atravesan Lalín. “É palpable que no noso concello se vén producindo un incremento do ambiente de peregrinos ao longo do ano e imos seguir traballando para asentalo, porqué as rutas xacobeas son un dos nosos principais recursos turísticos e polo tanto un elemento moi importante para o impulso económico”, afirmou. “Non me canso de dicir que Lalín non é só Cocido e ten moitas posibilidades tamén en torno aos camiños de Santiago, que son un elemento dinamizador do turismo, a cultura e o patrimonio sobre os que vimos traballando con intensidade”. Entre outras iniciativas de promoción dos camiños de Santiago o concelleiro de Turismo citou a publicación por parte do Concello de material divulgativo e informativo en varios idiomas, ou o traballo para impulsar o Camiño de Inverno. Finalmente fixo referencia a que os esforzos do Goberno para seguir atraendo peregrinos continuarán con diferentes iniciativas, entre as que se atopa o proxecto para crear un albergue no centro da vila, que previsiblemente comezará a construírse no segundo semestre deste ano.