O patrimonio castrexo completa o lenzo do enorme potencial turístico lalinense.

presentacion video castros

 

16/02/2018  O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, presentou na sala de proxeccións da Biblioteca Municipal a quinta e derradeira cápsula audiovisual coas que se está a promocionar o enorme potencial turístico de Lalín a través das diferentes plataformas online e as redes sociais. Baixo o título “Lalín, un lenzo histórico e contemporáneo”, esta peza videográfica realiza de maneira viva e creativa un rápido percorrido pola riqueza patrimonial castrexa ligándoa a recursos actuais relacionados, como o laboratorio de Liñares ou o Castro Tecnolóxico de Masilla e Tuñón, que inspira as súas formas nos asentamentos castrexos.

En palabras do concelleiro, “Lalín é un dos municipios galegos que conta cunha maior presenza de patrimonio castrexo, o que máis alá da súa transcendencia cultural e histórica, tamén supón un interesante atractivo para ofrecerlles aos visitantes e aos propios veciños de Lalín durante os 12 meses do ano”. “Os castros” -indica- “xa son un símbolo de identidade do noso concello e a súa trascendencia vai moito máis aló do puro valor histórico e patrimonial, polo que a peza tamén pretende aumentar o proceso xeral de coñecemento e valorización da cultura castrexa da zona”.

Así, o documento audiovisual comeza realizando un suxestivo percorrido polo Castro de Doade, a través de planos dinámicos e creativos que captan a atención do espectador. Este xacemento “xa é un dos maiores referentes turísticos patrimoniais do concello, cuxo maior atractivo se atopa nas súas recentes prospeccións, que permiten visualizar parte das vivendas do asentamento, constituíndo unha peza clave para a atracción de visitantes”.

A continuación, a narración audiovisual trasladase ao Pazo de Liñares onde as cámaras mostran o traballo que se leva a cabo no Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico, un espazo onde se desenvolven importantes tarefas de investigación, restauración e divulgación de vestixos extraídos de xacementos de toda a provincia de Pontevedra. A cápsula xira por último cara o lado contemporáneo máis vinculado ao patrimonio castrexo coa visita a Castrodeza e cun atrainte encadeado de planos que conforman un fabuloso itinerario polo Castro Tecnolóxico; edificio que coas súas contornas curvas e formas circulares, tanto interiores como exteriores, nos lembra aos castros tan abundantes no noso territorio.

Vilariño apunta que coa publicación das cápsulas audiovisuais “conseguimos dar un paso máis e saírmos dos cánones estritos e esgotados da promoción turística habitual e pasamos a un novo modelo que permite seguir incidindo na liña ben marcada polo Concello de aproveitamento das novas tecnoloxías”. O edil fixo fincapé na funcionalidade destas cápsulas “como ferramenta novidosa e útil, sobre todo, polo impacto que alcanzan nas redes sociais e á grande cantidade de xente á que chegan, de tal xeito que se está comprobando que este tipo de estratexia promocional está alcanzando un rendemento máis elevado do que incluso se pensaba á hora do seu lanzamento”. Con esta emisión xa se completa a publicación das 5 secuencias que compoñen o “lenzo” de pezas postas en marcha pola concellería de Turismo para difundir os encantos do municipio. As anteriores centráronse na natureza, na gastronomía, nos espazos urbanos e na cultura. Todas elas foron creadas pola produtora Arthur Gordon, a quen pertence Emilio Fernández, que tamén participou na presentación.

 

Prema na imaxe para acceder ao video.

portada video historia