“Unha vila, mil experiencias", o novo proxecto municipal para promocionar Lalín como destino turístico

foto xente mercando na rúa

 

22/02/2018 O Concello de Lalín, a través da concellería de Turismo, considera prioritario dar a coñecer todos aqueles recursos que poidan contribuír á promoción turística de Lalín máis aló da época da Feira do Cocido, buscando a desestacionalización para a traer durante todo o ano o maior número de visitantes posíbel e fomentar o enriquecemento social económico e cultural do municipio. Así, tal e como adianta o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, “tendo en conta as múltiples actividades iniciadas con esta finalidade dende o ano 2016, este ano ampliarase a divulgación do noso concello a través de diferentes actuacións que se desenvolverán ao abeiro do proxecto denominado ‘Unha vila, mil experiencias’”.

Trátase dunha iniciativa promocional conformada por 5 actividades divulgativas a realizar en 2018 e que conta un orzamento inicial de 40.300 euros, unha cantidade que se solicitou ao abeiro da liña 2 do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra, aínda que, como indicou o edil, “a partida pode ser incrementada coa incorporación doutros fondos”.

“Unha vila, mil experiencias” incluirá a segunda edición de “Lalín con gusto”, unha iniciativa que busca dar a coñecer o talento da hostalería e da cociña local, así como impulsar os produtos de Lalín de primeira calidade. Este proxecto contará cun orzamento inicial de 14.500 euros achegados da Deputación, ao que lle serán sumadas outras partidas económicas. Por outra banda, iniciarase un programa de difusión de Lalín como xeodestino de interese para dar a coñecer o municipio en distintas localidades de interese dende un punto de vista de estratexia turística, co fin de mellorar o número de visitantes que acolle cada ano o noso concello. O orzamento solicitado para este apartado é de 7.300 euros. Así mesmo, poñerase en marcha unha campaña especial de difusión audiovisual co obxectivo de continuar difundindo os atractivos de Lalín, principalmente, nas redes sociais, así como en diferentes eventos con presenza do Concello, nunha campaña cun orzamento de 7.000 euros. Po outro lado 8.000 euros serán destinados á difusión da imaxe de Lalín en diversos soportes publicitarios para dar a coñecer ao máximo todos os recursos e potencialidades das que dispón o municipio e atraer visitantes. Por último, seguirase promovendo o turismo sostible coa celebración de novas xornadas formativas sobre esta tendencia que vincula un destino turístico como Lalín coa creación de riqueza e postos de traballo, fomentando tamén, dende a sustentabilidade, a fixación de persoas no rural. A concellería de Turismo solicitou 3.500 euros para esta iniciativa.

Francisco Vilariño fixo fincapé nos “esforzos que vén realizando o Goberno para dar a coñecer os recursos do concello que poidan contribuír á promoción turística e, polo tanto, á xeración de riqueza, centrándonos en difundir ao máximo todos os atractivos (naturais, culturais, etnográficos, humanos etc.) mediante diferentes iniciativas e modalidades”. “Para alcanzar este obxectivo” -engade o concelleiro- “dende a concellería de Turismo levamos moito tempo traballando a reo e destinando a actividades promocionais importantes recursos económicos, pois temos claro que este esforzo será revertido con creces no noso municipio a través das persoas que nos visiten e realicen consumo na nosa hostalería, no noso comercio e desfruten da nosa oferta socio-cultural”. Por último, indica que “os esforzos nas políticas promocionais que vén levando a cabo o Goberno, e que son os máis importantes que se desenvolveron na historia do Concello de Lalín, xa están a dar os seus resultados, como demostran os últimos datos, co incremento extraordinario de visitantes a Liñares, o récord de peregrinos en Lalín, ou o éxito do Mes do Cocido”.