O goberno proxecta a rexeneración urbana da contorna do antigo colexio Manuel Rivero que contempla a construcción dun albergue de peregrinos entre as actuacións previstas.

anteproxecto Manuel Rivero

 

27/02/2018 O Goberno municipal de Lalín presentoulle onte á cidadanía o anteproxecto para a rexeneración urbana da contorna do antigo colexio Manuel Rivero. Trátase dunha das actuacións máis importantes das incluídas dentro da estratexia DUSI Lalín Ssuma21, que se financiará con fondos da Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

En concreto, o Concello prevé destinar a esta iniciativa máis dun millón de euros o que permitirá desenvolver diferentes actuacións para poñer en valor unha superficie de máis de 3.500 metros cadrados e avanzar nun novo modelo de vila, ao tempo que se recupera para o desfrute da veciñanza unha zona que levaba anos en estado de abandono e completamente deteriorada. Desta maneira, Lalín comezará en 2018 a sufrir unha transformación que ademais de á cidadanía, beneficiará a diversos sectores que provocarán unha sinerxia positiva en todos os demais. A rehabilitación do Manuel Rivero con vivendas sociais e con albergue de peregrinos fará de Lalín un centro neurálxico de atracción dos camiños de Santiago e unha referencia no eido do urbanismo social.

Así, coa finalidade de frear o abandono deste barrio e levar a cabo a súa recuperación, no 2018 dará inicio o plan de recuperación social do barrio do Manuel Rivero, con diferentes actuacións:

-Na zona do colexio o proxecto contempla a demolición dos edificios existentes e a construción dun albergue de peregrinos convertendo o espazo nunha praza.

-Rehabilitar as vivendas sociais dos mestres como vivendas de alugueiro de baixo custe.

-Reordenar o tráfico e os aparcamentos na medida do posible desta rúa e convertela nunha rúa de prioridade peonil e con acceso para veciños e persoas discapacitadas que acudan á oficina da Seguridade Social. Será preferentemente de plataforma única, e tamén se dará solución aos problemas de accesibilidade producidos polas escaleiras que proceden da rúa Maruja Gutiérrez.

A rúa Manuel Rivero e a súa contorna forman un espazo onde tradicionalmente os equipamentos públicos tiveron un peso específico, pois aquí estiveron situadas a antiga biblioteca, o colexio Manuel Rivero, ou as vivendas dos mestres. Non obstante, nas últimas décadas este espazo foise abandonando e os mencionados equipamentos teñen un aspecto decadente nun emprazamento céntrico do casco urbano que se atopa a só uns 200 metros da igrexa. Ademais, trátase dun vial sen saída, o que provoca que a entrada e a saída de vehículos cara a rúa Pintor Laxeiro sexa caótica. Por outra banda no ano 2007 realizouse unha modificación puntual do PXOM coa intencionalidade de acondicionar vivendas sociais e recuperar o seu pasado de servizos públicos, non obstante, a día de hoxe aínda non se acometeu ningunha destas actuacións e incrementouse considerablemente o deterioro da zona.