O Concello sinalará os accesos ao Pontiñas e instalará paneis informativos ao longo do paseo

paseo do pontiñas

 

7-03-2018 O Concello de Lalín, a través da concellería de Turismo, vai proceder á colocación de diferentes sinais para marcar os principais puntos de acceso dende o casco urbano ao Paseo do Pontiñas e instalará, así mesmo, paneis informativos ao longo de todo o sendeiro fluvial. Así o vén de anunciar o concelleiro e Turismo, Francisco Vilariño, quen apuntou que esta actuación se vai acometer grazas a unha achega da Deputación de Pontevedra ao abeiro das subvencións para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural.

Concretamente serán 17 os novos marcadores que se van instalar. Destes, 10 terán formato lateral e a función de marcar a dirección dos diferentes accesos ao paseo dende o casco urbano, mentres que os outros 7 serán de maior tamaño e de contido informativo. Neste caso instalaranse en puntos de especial interese dentro do paseo fluvial e informarán sobre o mesmo coa presenza de planos e elementos gráficos xerais do parque, así como doutros particulares de cada zona. A nova sinaléctica será estética e respectuosa co entorno.

Francisco Vilariño explicou que a iniciativa responde á aposta do Goberno local por dar a coñecer, dotar das máximas prestacións e manter nas mellores condicións un dos principais atractivos do casco urbano, que cada día é empregado por centos de persoas no seu tempo de lecer. O concelleiro sinalou que a pesar da relevancia que ten este espazo natural para Lalín, tanto a sinalización dos accesos como a información xeral dentro do propio paseo era claramente deficitaria. “Porén”, apunta Vilariño, “consideramos imprescindible mellorar o acceso á información dun dos atractivos de Lalín cun maior potencial turístico, por onde ademais discorre o Camiño de Inverno que dende o Goberno estamos tratando de potenciar”. “En definitiva” -comenta o titular de Turismo- “buscamos que todo o mundo e particularmente as persoas que nos visitan, saiban que poden desfrutar dunha xoia natural dentro da vila como o Pontiñas e, ademais, outorgámoslle un valor engadido a un conxunto de enorme interese que tamén queremos converter nunha peza clave para a atracción de visitantes a Lalín”. Está previsto que os cartaces comecen a colocarse en datas próximas.