Francisco Vilariño recibe os participantes no curso para traballadores xuvenís que acolle Lalín ata o 16 de marzo

recepcion erasmus

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, participou na recepción das 22 persoas participantes no curso formativo internacional para traballadores do ámbito xuvenil, enmarcado dentro da iniciativa “Erasmus+”, que organiza a Asociación Cultural Aporía, en colaboración co Concello de Lalín e que se desenvolverá ata o 16 de marzo. O acto de recibimento tivo lugar no albergue municipal Vicente Agulló de Mouriscade, onde tamén se celebrarán as principais actividades do curso.

O concelleiro deulles a benvida a Lalín a todas e a todos os participantes, procedentes de Bulgaria, Croacia, Estonia, Italia, Lituania, Macedonia, Polonia, Romanía e Serbia, ademais de Lalín. Ademais, aproveitou para facerlles entrega de diverso material turístico divulgativo do concello e para presentarlles persoalmente os principais recursos e atractivos do municipio, co obxectivo de que teñan as máximas facilidades e saquen o maior proveito da súa visita a Lalín e, polo tanto, desfruten ao máximo da súa estancia na vila.

Este é o primeiro proxecto destas características celebrado en Lalín, ao que se sucederán novas ofertas formativas, buscando converter o noso municipio nun espazo de encontro habitual para as persoas profesionais de toda Europa da educación non formal dirixida á mocidade. Enmárcase dentro da Acción Clave 1 de mobilidade para traballadores/as xuvenís no ámbito da mocidade do Programa de Mobilidade Europea Erasmus+. O curso persegue que os/as participantes asistentes reflexionen sobre as competencias dixitais necesarias para favorecer o seu traballo coa mocidade, así como informalos/as sobre as ferramentas necesarias para crear modelos de aprendizaxe a distancia axeitados aos seus grupos destinatarios.