O Concello solicita unha subvención para a creación dunha ruta de sendeirismo polos Sobreirais do Arnego entre Cadrón e Palio

persoas camiñando polo sobreiral

 

16/03/2018 O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, anunciou hoxe que o Concello de Lalín, vén de solicitar unha subvención por importe de 41.086 euros ao abeiro das achegas “a entidades locais para actuacións de mellora nas infraestruturas turísticas” que convoca a Axencia de Turismo de Galicia. Esta axuda sería complementada con 7.250 euros de fondos municipais e serviría para desenvolver un proxecto de mellora da accesibilidade e sinalización da ruta de sendeirismo de interese turístico que vai dende Cadrón ata Palio, atravesando a parte lalinense dos Sobreirais do Arnego.

Francisco Vilariño apuntou que este proxecto “ten o obxectivo de consolidar a oferta turística de Lalín a través da posta en valor da súa riqueza natural, histórica e paisaxística, ao tempo que se dinamiza o desenvolvemento do rural en base ao turismo”. “Deste xeito” -explicou- “a actuación tamén segue a liña do establecido no Plan Estratéxico de Turismo do Concello de Lalín que remarca a necesidade de combinar diferentes potencialidade do municipio, como a gastronomía, coas riquezas das zonas agrogandeiras e os recursos naturais”. “Neste caso” -afirma o titular de Turismo- “en Lalín somos uns privilexiados pola enorme diversidade paisaxística que posuímos e este factor temos que aproveitalo como reclamo para atraer visitantes e poñer en valor o noso rural”.

Dentro destes obxectivos, a área protexida dos Sobreirais do Arnego, que comparten Lalín, Agolada e Vila de Cruces, constitúe un dos principais e, ao mesmo tempo menos coñecidos atractivos paisaxísticos do termo municipal lalinense. Porén a consolidación dunha ruta de sendeirismo nesta zona permitiralle aos visitantes coñecer e gozar das paraxes naturais que o río Arnego vai esculpindo entre bosques centenarios, pontes, camiños, miradoiros naturais etc. Para tal fin o proxecto do Concello propón a mellora dun percorrido duns 14 quilómetros formado por camiños e sendeiros xa existentes e que comunican as parroquias de Cadrón e Palio. Deste xeito, levaranse a cabo traballos de recuperación do sendeiro naquelas zonas nas que a maleza o fai impracticable, mediante desbroces manuais selectivos.

O proxecto tamén contempla a mellora da accesibilidade nalgúns dos treitos nos que o sendeiro discorre máis preto do río. Por outra banda, proxéctase a sinalización de todo o percorrido dende Cadrón a Palio utilizando postes e outros elementos consorte aos criterios establecidos de homologación por parte das diferentes entidades xestoras. Tanto no inicio como no final do roteiro contémplase a colocación de paneis interpretativos. Ademais da riqueza paisaxística, esta ruta permitirá o desfrute de elementos patrimoniais como pontes e muíños e doutros bens próximos como a igrexa protorrománica de Palio, ou a antiga fábrica de papel de Rodís. Francisco Vilariño informou de que para o desenvolvemento deste proxecto xa se realizaron comunicacións tanto a Augas de Galicia como a outras autoridades ambientais.

Os Sobreirais do Arnego constitúen unha area natural protexida por diferentes figuras de protección entre elas, a Rede Natura 2000. Ocupan 1.124 hectáreas repartidas entre os concellos de Lalín, Agolada e Vila de Cruces. Este conxunto concentra o maior número de exemplares de sobreira (Querqus suber) do noroeste peninsular, que prosperan grazas ao microclima do val do río Arnego, ao que hai que engadirlle un ecosistema cunha biodiversidade extraordinaria, tanto vexetal como animal.