A Oficina de Turismo reabre para ofrecerlles os mellores servizos de información aos visitantes

o concelleiro con persoal da oficina

 

28/03/2018 O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, informou hoxe de que a Oficina Municipal de Información Turística volve abrir as súas portas ao público unha tempada máis. O servizo estará activo de cara o público a partir de mañá e ata final de ano grazas á incorporación de tres novos técnicos auxiliares titulados en turismo contratados polo concello. O edil de Turismo afirmou que con esta medida, Lalín se converte nun dos poucos municipio da súa categoría con oficina de turismo de xestión propia aberta a estas alturas do ano. O concelleiro visitou as instalacións para establecer contacto co novo persoal e coordinar conxuntamente as diferentes liñas de traballo a través das que a concellería tratará de ofrecerlles o mellor servizo de información turística tanto aos lalinenses como aos visitantes foráneos.

A incorporación do novo persoal permitirá que este punto de información estea aberto practicamente durante toda a semana, incluído sábados e domingos. En concreto, o horario de atención ao público será de martes a domingo, de 11.00 a 14.00 horas polas mañás e de 17.00 a 20.00 horas polas tardes. Este horario amplo garantirá, segundo afirmou Vilariño, “que se ofreza un óptimo servizo de información a todos os interesados sobre os múltiples atractivos turísticos cos que contamos en Lalín, e que este Goberno desexa potenciar ao máximo, como se vén comprobando no gran traballo realizado pola concellería ao longo dos últimos meses”.

A Oficina Municipal de Turismo ofrecerá asesoramento e información de primeira man sobre os espazos do concello de Lalín que conten cun maior interese ou valor para seren visitados. Así mesmo, os seus usuarios tamén poderán acudir a este inmoble para facerse con toda a documentación divulgativa e informativa publicada polo Concello para que a súa estancia en Lalín sexa o máis confortable e proveitosa posible. Os servizos da oficina son extensivo a empresas locais vinculadas ao turismo. Do mesmo xeito, queda a disposición dos usuarios o correo electrónico infoturismo@lalin.gal e o teléfono 666430458 no que se poderán realizar todo tipo de consultas e suxestións.

Francisco Vilariño afirmou que “a celeridade para reabrir a Oficina demostra novamente o interese do Goberno por fomentar o turismo como elemento dinamizador da economía e da sociedade lalinense, o que enlaza coa nosa aposta por ofrecerlle a máis ampla atención e os mellores recursos informativos e divulgativos aos visitantes”.