A segunda edición de "Lalín con gusto" celebrarase os días 16 e 17 de xuño

reunión coordinación Lalín con gusto

 

16/04/2018  Xa hai data para a segunda edición da iniciativa “Lalín con gusto”. O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, explicou que este evento desenvolverase este ano os vindeiros días 16 e 17 de xuño, nunha época na que previsiblemente haberá un tempo máis agradable para desenvolver a actividade e potenciar a afluencia de visitantes e participantes. Fíxoo nunha nova reunión de traballo mantida esta mañá con integrantes da cociña e do sector da hostalería local e que tivo como finalidade avanzar na organización dunha experiencia que acadou unha considerable repercusión e éxito na súa primeira cita e que este ano experimentará“un importante salto cuantitativo e cualitativo”.

No encontro participaron preto dunha ducia de hostaleiros que puxeron sobre a mesa as propostas e suxestións dirixidas tanto a corrixir posibles erros da primeira edición como a introducir melloras e cambios de cara a deste ano. Nesta liña, Francisco Vilariño lembrou que as principais novidades que se pretenden introducir, entre outras cuestións, están relacionadas coa mellora da infraestrutura que acolle o evento, así como coa introdución de novas temáticas e, por suposto, a incorporación de novos participantes aínda que se contará, como garantía, cos cociñeiros da primeira edición.

Así, “cada unha das medidas que se tomen irán encamiñadas a potenciar unha actividade que na primeira edición xa superou todas as expectativas, non só pola gran asistencia de público, senón tamén por alcanzar sobradamente os obxectivos para os que puxemos en marcha este proxecto: poñer en valor a variedade e a calidade do produto de Lalín e potenciar e dar a coñecer o talento da hostalería e a restauración local”. Estas seguirán sendo as directrices e obxectivos principais de Lalín con gusto, “pois a gastronomía e a cociña son unha doas nosas principais cartas de presentación, polo que dende a concellería de Turismo imos seguir apostando firmemente por este sector, non só no relativo ao cocido”.

Finalmente salientou que “de cara a segunda edición queremos volver contar coa enorme implicación que este ano xa nos mostraron os restauradores”. “Para min”, engadiu, “foi un auténtico orgullo ver como se involucraron todos, como se axudaron e como colaboraron entre eles e coa organización dando mostra de que son un colectivo unido e evidenciando que este é o mellor camiño para seguir poñendo en valor e nosa gastronomía e o noso concello”.